Os pontevedreses consumen ao día 24 litros menos de auga que a media dos galegos

O Concello de Pontevedra presentou este xoves algúns datos recollidos polo Observatorio PO2 sobre atmosfera e ciclo da auga
Imaxe da rolda de prensa, retransmitida por vía telemática polas restricións sanitarias. DP
photo_camera Imaxe da rolda de prensa, retransmitida por vía telemática polas restricións sanitarias. DP

Cada pontevedrés consume a diario uns 114 litros de auga, o que supón 24 litros menos que a media dos galegos e un aforro dun 3,6% con respecto aos hábitos de hai tres anos. Esta é unha das conclusións que se extraen dos datos do Observatorio PO2, presentados este xoves en rolda de prensa pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías; o coordinador do grupo de investigación G+4 da UVigo, Pedro Figueroa, e o membro do mencionado grupo Daniel Gallego.

Deste xeito, o Observatorio PO2 enmárcase no Observatorio Urbano da cidade de Pontevedra, unha ferramenta para coñecer datos diversos sobre a realidade da Boa Vila que se elabora de xeito conxunto entre o Concello e a Universidade de Vigo. Na convocatoria, o Concello presentou algúns resultados relativos ao ciclo da auga e a eficiencia no tratamento deste recurso e sobre a calidade do aire.

En ambos campos hai, en palabras da concelleira "resultados francamente moi positivos e moi alentadores" sobre os efectos do modelo urbano de Pontevedra tanto para a calidade de vida das persoas como para o medio ambiente.

Pedro Figueroa salientou o esforzo realizado en todos os eidos, incluídos os investimentos, para a mellora do ciclo así como a boa calidade da auga da billa de Pontevedra. Así, apréciase un incremento da poboación de Pontevedra que consume auga da billa, pasando do 36% de 2017 ao 49% en 2019. Este incremento débese, segundo explicou o profesor Pedro Figueroa, "á boa calidade da auga, que é de moi débil mineralización e moi similar á auga embotellada".

Do mesmo xeito, o profesor da UVigo salientou que non existen problemas de abastecemento en Pontevedra e que só tres días de 2019 se baixou do caudal mínimo de bombeo no Lérez e ningún se estivo por debaixo do caudal ecolóxico. Do mesmo xeito, o 95,2% da cidadanía ten acceso á rede de sumidoiros e o 99,1% da rede separa augas limpas, as pluviais, das fecais.

CALIDADE DO AIRE. No relativo á calidade do aire, o investigador Daniel Gallego indicou que o grao de cumprimento das directrices da OMS en Pontevedra oscila entre o 99,9 e o 100% . Así, explicou que existen ademais outras dúas fórmulas de medición activas actualmente. Segundo as metodoloxía aplicada por Meteogalicia, Pontevedra tivo, ao longo de 2019, o 86,85% de días con calidade do aire moi boa. Mentres, que segundo o Índice de calidade do aire d da Unión Europea, Pontevedra tivo o 71,1% dos días de calidade do aire boa (que esta metodoloxía denomina moderada). En todo caso, non se rexistrou ningún día en todo o ano ningún día no que a calidade do aire fose pouco saudable ou perigosa.

En canto á contaminación acústica, Daniel Gallego salientou que de media os valores se sitúan por debaixo dos 40 decibelios e asegurou que poucos lugares de Galicia se sitúan por debaixo dese valor.

"Sempre dicimos que se pode actuar localmente para modificar globalmente a situación", dixo Anabel Gulías durante a rolda, ao tempo que indicou que "antes da pandemia mundial xa se viña falando moito do papel que todas as institucións debían xogar neste cambio, e a propia pandemia tamén puxo de relevancia a necesidade de cambiar as cousas e na cidade de Pontevedra sabémolo ben". 

Comentarios