jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

Ponteverán oferta 520 prazas en 24 actividades para nenos e mozos

Oubiña presentando o cartel das actividades
Oubiña presentando o cartel das actividades
O prazo de inscrición ábrese o luns e o orzamento ronda os 35.000 euros

Educación e lecer van da man en Ponteverán, o programa de actividades pensado para ocupar o tempo libre durante as vacacións escolares de verán pero ademais "pon o foco en cinco valores: igualdade, convivencia, respecto ao medio ambiente, coñecemento da nosa cultura e promoción da actividade fisica e do deporte", explicou este luns o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, durante a presentación desta nova edición.

A Concellería ofertará este ano 520 prazas para nenos e mozos (o abano de idades vai entre os 8 e os 35 anos, dependendo da actividade) dentro do programa de lecer e tempo libre. Entre os meses de xullo e agosto poñeranse en marcha 24 iniciativas entre campamentos, obradoiros e actividades deportivas, culturais, de respecto ao medio ambiente e formativas, cifra que implica un aumento da oferta con respecto a anos anteriores, pero mantendo un orzamento similar, 35.000 euros, sen contar as subvencións da Xunta.

Non obstante, a cifra de prazas redúcese respecto ao ano anterior. Oubiña explicou que "son algunhas menos porque este ano non hai fútbol".

As actividades estrutúranse en tres bloques e inclúen oito campamentos e obradoiros, cinco actividades culturais e deportivas e no medio natural e once actividades formativas.

Algunhas das principais novidades son que o campamento de tempo libre Equal repite como en edicións anteriores, pero nesta ocasión consistirá nunha estancia de oito días no albergue de Coles (Ourense) do 5 ao 12 de xullo. Organizarase para dous grupos de idades diferentes, uno para nenos de dez a doce anos e outro de 13 a 15 e haberá un total de 40 prazas, das que 32 se sortearán entre os inscritos. As restantes reservaranse para Servizos Sociais. Custará cen euros.

obradoiro de cine. Tamén se estreará o obradoiro Diversidade-on: ser diferente é normal, para nenos de entre oito e doce anos, que se desenvolverá do 10 ao 14 de xullo. Os outros talleres para rapaces serán o de Igualdade e publicidade non sexista e Naturalizarte, ambos gratuítos.

Outra novidade (ademais de que non haberá actividade de fútbol) é que se estrea o obradoiro de cinema A semana máis curta, pensado para nenos de entre doce a 16 anos, que se impartirá do 31 de xuño ao 4 de agosto. No caso do ‘campamento de maiores’, a estancia no medio natural será este ano na Costa da Morte do 14 e o 16 de xullo para mozos de entre 18 a 35 anos. Neste caso, Oubiña explicou que "eliximos este destino a través dunha enquisa realizada aos participantes o ano pasado".

Tamén haberá rutas en kaiak pola ría de Vigo e o río Verduxo, celebración da Noite Europea dos Morcegos, orientación nocturna na Illa das Esculturas e cursos de iniciación ao piragüismo en Ponte Sampaio, así como clases de informática, fotorroteiros, curso de iniciación á escalada, bautismo de mergullo e outra novidade, o obradoiro de cociña saudable e vexetariana, "que ten moito éxito nas Noites Abertas".

As persoas interesadas deberán realizar unha preinscrición, que poderá ser en liña, presencial (rúa Sor Lucía número 2, 3º), telefónica (986 840 367) ou a través do correo electrónico [email protected]

As datas varían en función da actividade, pero o prazo empeza a partir do 5 de xuño. Todas as actividades poden consultarse na páxina web xuventude.pontevedra.eu. Alí ofrécense as datas concretas, as idades dos rapaces ás que van dirixidas e detalles sobre a adxudicación das prazas.

Ponteverán oferta 520 prazas en 24 actividades para nenos e mozos
Comentarios