Ponteverán pega un estirón

A programación de verán para a mocidade do Concello recupera as actividades sen restricións. Inclúe campamentos, propostas na natureza e obradoiros culturais e tecnolóxicos. Ofértanse 586 prazas de balde dirixidas a veciñanza entre 8 e 35 anos
Participantes na actividade Procurando o tesouro. DP
photo_camera Participantes na actividade Procurando o tesouro. DP

Cun incremento dun 62% no orzamento. ata chegar aos 45.139 euros, e cun aumento do 80% no número de prazas con respecto ao ano pasado, ata chegar ás 586, a Concellería de Xuventude de Pontevedra recupera a súa programación de lecer e tempo libre para o verán dirixido á mocidade, Ponteverán. As propostas, todas de balde (salvo un campamento que se realiza en Ourense), están divididas en catro grandes bloques: campamentos de verán, obradoiros de cultura, actividades ao aire libre e obradoiros de informática e tecnoloxía. Desenvolveranse entre xullo e agosto (salvo un obradoiro de Ab Origine en Cerponzóns que comeza o 29 de xuño).

As inscricións ábrense este mércores 8 de xuño e deben realizarse a través do formulario apuntante.pontevedra.gal/xuventude. Hai distintas propostas para idades comprendidas entre os 8 e os 35 anos. Segundo explicou o concelleiro Alberto Oubiña, Ponteverán está fundamentalmente dirixido á veciñanza de Pontevedra pero, de non esgotarse as prazas coas solicitudes recibidas dende a cidade, aceptaranse as que cheguen dende outros concellos, tendo preferencia os da contorna inmediata. En todos os casos quedará confeccionada unha listaxe de agarda.

Despois de que as restricións marcasen o desenvolvemento de Ponteverán 2021, o Concello retoma a proposta ao xeito prepandémico. Ofertará, por exemplo, tres campamentos de verán: un urbano, a cargo de Reviravolta, con actividades arredor das árbores da contorna; outro fóra de Pontevedra (do 21 ao 31 de xullo), no albergue Equal de Coles (Ourense), que inclúe actividades de natureza, acuáticas e deportivas, rutas guiadas e excursións, e un terceiro no Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras, en Salcedo, a cargo da empresa Ab Origine.

Obradoiro de graffiti. DP
Obradoiro de graffiti. DP

No ámbito cultural haberá un obradoiro de cine etnográfico arredor do patrimonio de Cerponzóns; outro musical a cargo da academia Bonobo no Local de Música; un poético impartido por Neves Seara no Mercado; un obradoiro de graffitis a carón do río Gafos que coordinará O "Ras; outro arredor do mundo do teatro, a cargo de Lecoíña Pasea e a realización dun mural feminista xunto á ponte da rúa Eduardo Pondal, coordinado polo espazo artístico Matrioska.

De dendrocronoloxía (a disciplina que estuda os aneis das árbores), de iniciación ao piragüismo, de ruta en kaiak polo Lérez, de observación astronómica e de orientación urbana son as propostas enmarcadas no bloque dedicado á natureza e ao aire libre, dentro do que tamén se celebrará a Noite Europea dos Morcegos.

Finalmente, Ponteverán tamén inclúe obradoiros de robótica, programación de videoxogos e informática de distintos niveis.

Información completa sobre as propostas: xuventude.pontevedra.gal.

Comentarios