"Busque, compare e se atopa algo mellor que todo o que leva feito o BNG, vóteo"

Un triunfalista Fernández Lores saca peito da súa xestión e volve darse un baño de masas na posta de longo da súa candidatura ▶ Ana Pontón lembra que "Pontevedra leva décadas por diante doutras cidades e sendo un referente para o resto do mundo"

Un momento do acto da campaña que acolleu un Teatro Principal de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un momento do acto da campaña que acolleu un Teatro Principal de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Miguel Anxo Fernández Lores é consciente de que nesta travesía que comenzou onte vai no barco máis sólido, ten unha magnífica tripulación e, por se fose pouco, navega con vento a favor. Con eses vimes, non estraña que o alcalde presuma de xestión e enarbole a bandeira do modelo de cidade que tanto esforzo lle custou conquerir e que tan bos réditos lle está a dar. Ata o punto de "levar décadas por diante de moitas cidades e algunhas tan importantes como París mirando cara a nos", segundo espetou onte Ana Pontón, voceira nacional do BNG, na posta de longo da candidatura nacionalista.

Nun Teatro Principal cheo -que non ateigado-, Lores tirou de bagaxe para retar ó electorado cun clásico publicitario: "Busque, compare e se atopa algo mellor, vóteo". Pero antes de que os presentes puideran caer na dúbida, matizou que "se cren que Pontevedra empeorou co BNG, deben votar por outra forza política. Pero se perciben que Pontevedra mellorou, pídolles que voten polo BNG, que voten co amor a Pontevedra por diante", sinalou.

O acto central destas municipais foi un rosario de eloxios para o traballo feito, non só nos últimos catro anos, senón dende a chegada do BNG á Alcaldía, en 1999. "Non me chegarían dúas horas para repasar todo", recoñeceu o alcalde, antes de insistir en que, se volve ter a confianza dos cidadáns, seguirá apostando pola liña seguida ata o de agora, "porque o mellor está por vir".

Antes da súa intervención, a número 2, Anabel Gulías, afirmou que "formar parte deste equipo é un luxazo" e dixo do seu líder que "é indispensábel na receita do BNG". Lembrou, asimesmo, que falar de modelo de cidade non é só falar de beirarrúas e lombos, "senón tamén de centros sociais nas parroquias, de Feira Franca, de Sétima Feira, de A pé de rúa...", entre outras moitas iniciativas promovidas polo Goberno local e coroadas polo éxito. "Faltouche Núbebes, que me fai especial ilusión, sobre todo dende que teño dúas netas", matizoulle Lores.

Ana Pontón apuntou que o Bloque preséntase ás eleccións "cos deberes feitos" e cun modelo municipal de éxito que quere estender por Galiza, "do que Pontevedra é o un exemplo paradigmático".

Tamén referiuse a "Feijóo Terminator, para que tome nota de que o reloxo da conta atrás xa comenzou a marcar, porque en 2020 ímolo botar da Xunta".

Durante o acto tamén interviron a número 3 da lista, Eva Villaverde, e a candidata do BNG ás europeas, Ana Miranda, quen dixo que "somos a única voz de Galiza en Bruxelas e Estrasburgo, unha voz rebelde que non ten medo".

Tódolos participantes no mitin referíronse a Ence nalgún momento para vencellala "cos intereses do PP e da dereita", e coincidir en que "o BNG non se vende, como fixeron outros. Fora da ría xa".

Comentarios