Funcións: Percorrido por dez concellos

Por namorar de vellos

Teatro do Morcego inicia en Pontevedra unha xira por toda a provincia con ‘Os vellos non deben de namorarse’ ► O grupo de Celso Parada recupera a montaxe dentro do Ano Castelao
Celso Parada, cun exemplar de ‘Os vellos non deben de namorarse’, flanqueado por Xosé Leal e Anxos Riveiro, cos carteis da obra
photo_camera Celso Parada, cun exemplar de ‘Os vellos non deben de namorarse’, flanqueado por Xosé Leal e Anxos Riveiro, cos carteis da obra

Tres lances protagonizados por tres vellos namoradeiros. "Non é unha obra de tese, aínda que algunha si hai sobre as consecuencias de non namorar a tempo", explica o actor Celso Parada. "Precisamente, unha das cousas máis bonitas da obra é ese epílogo no que os protagonistas reflexionan con ironía do que lles pasou e rin uns dos outros. Todo ‘por namorarnos de vellos’". 

A compañía Teatro do Morcego recupera a súa montaxe de ‘Os vellos non deben de namorarse’, de Castelao co gallo da conmemoración dos cen anos da chegada do autor a Pontevedra "e dos 75 da estrea da obra en Bos Aires", lembrou Xosé Leal. A reestrea da peza, que a mesma compañía xa puxo enriba dos escenarios en 2001 e despois en 2010, terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o 30 de setembro (21.00 horas, ataquilla.com, 5 euros), antes de xirar polo resto da provincia da man da Deputación. A proposta está enmarcada na programación do Ano Castelao. "É un orgullo facer a primeira representación aquí en Pontevedra, unha cidade tan comprometida co teatro", dixo este xoves, na presentación da xira, o deputado de Cultura, Xosé Leal, que estivo acompañado por Celso Parada, do grupo, e pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. "Do conxunto da programación podemos dicir que esta é a obra de gran formato que presentamos, por iso agradecemos especialmente a implicación dos concellos na súa representación". 

O fundador de Teatro do Morcego reivindicou o texto de Castelao. "Aínda que esta obra foi moitas veces infravalorada e sabendo que efectivamente non é Shakespeare, estamos ante un clásico galego que está moi ben escrito e moi ben feitiño", explicou Celso Parada, que tamén eloxiou o interese de Castelao por introducir na escena galega elementos da modernidade. "Artista polivalente, de fondo compromiso co idioma e con Galicia, en ‘Os vellos non deben de namorarse’ percíbese a súa inquedanza por captar a modernidade de Europa", dixo. Parada mencionou as influciencias do teatro ruso, "presentes nos simbolismos", e da comedia dell’'arte, "que o leva a introducir por primeira vez as máscaras no teatro galego".

Comentarios