O Portamérica volve poñer ao público en pé

O festival, que este ano se celebra en Portas e que é o primeiro de Galicia que permite ao público prescindir das cadeiras, comeza facendo fronte ao mal tempo e ás críticas á organización ► Deluxe e Novedades Carminha destacan nunha primeira xornada que recuperou a experiencia festivaleira practicamente ao completo
undefined
photo_camera Público que gozou este venres da primeira xornada do festival. RAFA FARIÑA

Volveron, ao fin, os bailes e os brincos. Volveu, ano e medio despois, o que era unha experiencia festivaleira. Case ao completo. Permanecen as máscaras e os espazos acoutados.

O primeiro festival de Galicia que permite ao público estar de pé, dende que en marzo de 2020 a pandemia obrigou a asistir aos concertos en cadeiras, celébrase esta fin de semana facendo fronte ao mal tempo e ás críticas á organización nas redes sociais.

É o Portamérica, que anunciou a mediados de setembro que finalmente celebraría unha edición especial este ano. Era especial porque se trasladaba dende a carballeira de Caldas de Reis á explanada da Azucreira de Portas e porque o cartel estaba composto por grupos vinculados coa escudería de Esmerarte, a promotora que organiza o festival.

Así, este venres comezaba o espectáculo da man de Eladio y los Seres Queridos e de Jenny & The Mexicats, para despois continuar con dous concertos exclusivos: o de Le Punk e o de Deluxe. As dúas bandas se reuniron a propósito para o evento. A xornada rematou con dous artistas de Ernie Records, empresa do pontecaldelán Josiño Carballo: Novedades Carminha e Ortiga.

O cartel deste sábado, un día no que a previsión meteorolóxica anuncia intensa choiva, inclúe a Xoel López e Vetusta Morla 

A festa conseguiu impoñerse. Aínda que tivo que pelexar contra o mal tempo que, se xa marcou a xornada deste venres, este sábado ameaza con condicionala totalmente. Porque a previsión meteorolóxica anuncia intensa choiva. Nos últimos días esta cuestión centrou a gran maioría dos comentarios que o festival tivo nas redes sociais, nos que se preguntaba pola posibilidade da suspensión ou aprazamento dos concertos, así como pola instalación de carpas.

                           

Este venres sumáronse críticas por non deixar acceder ao recinto con paraugas. Tamén houbo asistentes que protestaron pola acumulación de xente nas zonas nas que se despachaba comida e bebida, despois de ter dividido a explanada en distintos sectores para crear grupos burbulla.

Se o mal tempo non obriga a suspender os concertos, o cartel de este sábado do Portamérica abrirase ás cinco da tarde cos pontevedreses Furious Monkey House para continuar, algo antes das sete, con Pablo Lesuit. Despois virán Carlos Sadness (21.15), e Xoel López (21.55). O peche do festival, á medianoite, correrá a cargo de Vetusta Morla.