Portos condiciona o dragado do Lérez ó consenso do sector e o BNG urxe levar os verquidos fóra da ría

José Juan Durán rexeita que o proxecto estea paralizado por razóns orzamentarias e Luís Bará reclama a súa execución inmediata co cambio do punto de depósito

Traballos de dragado no peirao de Campelo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Traballos de dragado no peirao de Campelo. GONZALO GARCÍA

A paralización do proxecto de dragado do Lérez non se debe a unha cuestión orzamentaria, se non que obedece á falta de consenso no sector marítimo portuario. Así o manifestou de novo este xoves o presidente de Portos de Galicia no Parlamento na súa intervención para responder a unha pregunta do BNG sobre o proxecto de dragaxe para devolver calado á canle de acceso ao peirao de Pontevedra.

"Portos de Galicia ten a firme vontade política de realizar as obras de dragaxe do acceso ao peirao de Pontevedra", asegurou José Juan Durán, que como xa fixera noutras ocasións, supeditou ó "consenso do sector calquera investimento que propoñemos e especialmente nunha actuación da envergadura da dragaxe". Unha resposta que o deputado Luís Bará, que aludiu á urxencia da execución do proxecto, cualificou de "inconcreta". "A vontade política exprésase con licitacións no DOG, orzamentos e coa execución das obras", manifestou o nacionalista.

Durán Hermida insistiu en que o ente público ten, dende o último trimestre de 2017, redactado e sometido a información pública o estudo de impacto ambiental necesario para realizar posteriormente a tramitación ambiental da obra nos organismos competentes dependentes doutras administracións, autonómicas e estatais, e subliñou que "se este cronograma se viu incumprido foi pola falta de consenso no sector, que se puxo de manifesto no período de presentación de alegacións, no que se recibiron 16, entre elas as dos colectivos solicitantes do proxecto, as confrarías da ría".

O conflito para a execución do proxecto radica no punto de verquido das 220.000 toneladas de sedimentos e lodos que se prevén extraer dos fondos da ría e que inicialmente estaba previsto que se trasladasen ás inmediacións da Illa de Tambo, algo co que as confrarías de Portonovo e Bueu non estaban de acordo porque pon en perigo os bancos marisqueiros.

"Se vostedes -dixo Luís Bará- están dispostos a cambiar o punto de verquidos resolverase o problema e teremos un río dragado, produtivo e navegable como merece Pontevedra", subliñou o nacionalista.

O presidente de Portos explicou que o punto de verquido elixido conta con todos os avais dos estudos técnicos que ratifican que non haberá afectación á actividade marisqueira na ría. Ademais lembrou que un cambio neste punto suporía a volta atrás do proxecto, tendo que repetirse os estudos ambientais, coa conseguinte dilatación dos prazos.

Durán destacou ademais que cambiar o punto de verquido podería incrementar o orzamento da dragaxe en aproximadamente un millón de euros.

Esta semana, as confrarías do fondo da ría puxeron como exemplo o dragado efectuado recentemente no porto de Campelo, en Poio, cuxos sedimentos se trasladaron ás inmediacións de Sálvora.

Comentarios