Pospoñen a ruta de Ponteandadas prevista para este domingo

'Pontextrem', un percorrido con dúas opcións de 32 e 15 quilómetros respectivamente, é a terceira andaina adiada pola pandemia do coronavirus

Participantes nunha das rutas de Pontenadas celebrada o pasado ano. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Participantes nunha das rutas de Pontenadas celebrada o pasado ano. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Concellería de Deportes e o club de sendeirismo Naturgaliza decidiron adiar unha nova saída programada dentro do circuíto de Ponteandadas –neste caso o itinerario circular Pontextrem, que ía desenvolverse o vindeiro domingo 14 de xuño–, pola crise sanitaria derivada do Covid-19.

A andaina constaba dun percorrido con saída na parroquia de Lourizán, na contorna das piscinas de Rías do Sur, con dúas opcións de itinerario: un Extremo, de 32 quilómetros, dificultade alta e duración estimada de 5,5 horas, e outro Desafío, de 15 quilómetros, dificultade media e duración de 3,5 horas.

Ata a data, Deportes e Naturgaliza víranse obrigados a adiar outras dúas saídas do programa municipal Ponteandadas –unha prevista para o 15 de marzo, entre Mourente e Bora, e outra o 28 de maio, pola parroquia de Cerponzóns–, así como a charla do 18 de abril sobre 'Deporte a calquera idade', do ciclo A vida saudable.

O tenente de alcalde, Tino Fernández, explicou que "a organización xa está a traballar en coordinación co Servizo de Deportes do Concello de cara a establecer un novo calendario para as datas aprazadas e deseñar un protocolo de seguridade e prevención contra a Covid-19, de xeito que as andainas se poidan realizar sen complicacións de ningún tipo".

Comentarios