viernes. 23.10.2020 |
El tiempo
viernes. 23.10.2020
El tiempo

O PP acusa á Deputación de crear un Orzamento anticoncellos e antiprovincia

Os deputados populares Alejandro Lorenzo, Pepa Pardo, Jorge Cuela e Elena Estévez. DP
Os deputados populares Alejandro Lorenzo, Pepa Pardo, Jorge Cuela e Elena Estévez. DP
Denuncia que o gasto corrente aumentou en máis de tres millóns con respecto a 2018, o capítulo de persoal en 2,2 millóns e que se destinan 3,5 millóns para a "promoción de Silva"

O grupo provincial do PP definiu onte o Orzamento presentado pola Deputación de Pontevedra para o ano 2020 como "antiprovincia e anticoncellos", xa que, segundo sinalou o voceiro popular, Jorge Cubela, "fomenta o desequilibrio, non conta cos concellos, nin cos alcaldes, nin cos colectivos e para o único que foi feito é para a promoción política de Carmela Silva, coa gran desaparición do BNG".

Cubela, que compareceu xunto aos tamén deputados Pepa Pardo, Elena Estévez e Alejandro Lorenzo, denunciou que as Contas da Deputación incrementan o gasto corrente en máis de tres millóns de euros, o gasto de persoal en 2,2 millóns e, ademais, destinan 3,5 millóns "para a promoción de Carmela Silva".

Tamén lamentou que "non se recolla ningunha partida para dar resposta á demanda da comarcalización dos parques de bombeiros" e, sobre todo, censurou que os fondos para o Plan Concellos "baixan en 1,2 millóns de euros, pois para o ano que vén teñen reservados 42,2 millóns mentres que en 2019 foran 43,4", dixo, a pesar de que o Goberno provincial asegurou esta semana que o 30% do total do Orzamento ten como destinatarios directos aos concellos.

"O Goberno provincial vende fume e minte" cunhas Contas que "son moi xenéricas e non concretan nada", argumentou Cubela, que acusou a Carmela Silva de "aplicar a lei do máis forte".

O popular tamén destacou que un informe do interventor advirte de que "a capacidade da Deputación para financiar investimentos podería ser mellor se non aumentara o gasto corrente, pois dos 161 millóns de euros do Orzamento, 110 millóns son para gasto corrente", subliñou.

Así mesmo, o voceiro do PP lembrou que "cada ano a Deputación executa menos do 50% dos fondos, por iso non deixan de ser fogos de artificio. Anuncian a bombo e platillo diversas partidas que, finalmente, non se materializan en feitos concretos", apuntou. Ademais, criticou que as porcentaxes máis baixas son nos capítulos 6 e 7, o que supón "un baixo grado de execución dos investimentos propios dos concellos".

"Non teñen o apoio dos catro sindicatos con representación"
Entre as críticas do Partido Popular, Jorge Cubela subliñou que o equipo de Carmela Silva "rexeita" sentarse co PP para falar dos Orzamentos da Deputación para o vindeiro ano 2020.
Aplican a lei do máis forte, din que con 16 deputados non se sentarían en ningún caso con nós. Pero o certo é que PSOE e o BNG están sós, porque este Orzamento tampouco conta co apoio de ningunha das catro centrais sindicais que teñen representación na Deputación", afirmou.
Por iso, concluíu que "non só son uns Orzamentos antiprovincia e anticoncellos, senón tamén antidiálogo e antitraballadores". Cubela reclamou ao Goberno provincial un plan único para os municipios "e non convenios a dedo", para que "os alcaldes saiban desde xaneiro os fondos dos que van dispoñer", dixo.

O PP acusa á Deputación de crear un Orzamento anticoncellos e...
Comentarios