O PP "equilibrará" no litoral respecto ao medio ambiente e a acción económica

Ana Pastor salienta a Lei do Litoral aprobada pola Xunta e dí que un goberno de Núñez Feijóo garantirá a xestión da costa en Galicia
Os candidatos do Partido Popular, durante a súa visita de onte ás instalacións de Setga en Ponte Caldelas. DP
photo_camera Os candidatos do Partido Popular, durante a súa visita de onte ás instalacións de Setga en Ponte Caldelas. DP

A cabeza de lista do PP de Pontevedra ao Congreso, Ana Pastor, defendeu o pasado xoves a "aposta" do PP polo "equilibrio entre a actividade económica no litoral e a protección medioambiental". O fixo durante unha visita á conserveira Pescamar, en Poio, onde a candidata asegurou que o PP apoia "de forma clara" un dos "sectores fundamentais" da economía da provincia, e por iso aposta por medidas e iniciativas "que contribúan a potenciar o sector mar-industria".

Na súa intervención puxo en valor o traballo que o Goberno galego fixo coa nova Lei do Litoral, e o esforzo co sector mar-industria, e asegurou que Feijóo "manterá no Goberno de España ese mesmo compromiso para modificar a lexislación e dar maior seguridade xurídica, porque coñece cal é a realidade da costa, sabe da importancia deste sector para a economía e para os empregos, e por iso apoiará de xeito decidido un sector que só recibiu ataques durante os anos de sanchismo".

Visita do PP a Pescamar, en Poio. DP
Visita do PP a Pescamar, en Poio. DP

"Queremos potenciar este sector mar-industria e ofrecer seguridade xurídica. Somos respectuosos co medio ambiente, estamos coidando o noso litoral, e queremos facelo compatible con que empresas como Pescamar e outras tantas que viven do mar poidan ter seguridade xurídica para seguir coa súa actividade e continúen ofrecendo emprego e oportunidades", comentou Pastor, que lembrou tamén que unha das primeiras medidas dos populares si gañan as eleccións o domingo, será "baixar de xeito inmediato o IVE ás conservas, porque entendemos que é un sector clave para a economía, para a alimentación, pero sobre todo para aliviar o peto das familias, que se viron resentidas pola suba de impostos e da inflación".

Antes da visita a Pescamar, en Poio, Ana Pastor e a número 1 ao Senado, Pepa Pardo, visitaron as instalacións da nova nave de Setga en Ponte Caldelas. Alí defenderon que o PP "aposta polo talento, a innovación e o coñecemento como base dunha economía competitiva para Galicia e para España". Pepa Pardo sinalou que o PP "aposta por mellorar a produtividade a través da innovación e, sobre todo, da incorporación do talento das persoas". A candidata ao Senado explicou que, para que España volva a crecer dunha maneira sólida, é importante "apoiar con normas e políticas públicas que melloren a produtividade e incentiven a innovación, así como un marco regulatorio que impulse a libre iniciativa e o desenvolvemento empresarial".

Por esta razón, asegurou que o PP aposta por medidas que garanten a competencia coa unidade do mercado. "Frearemos o exceso de regulación, aprobaremos cada ano un decreto de simplificación administrativa e mellora da calidade regulatoria". Ademais, explicou tamén que o programa dos populares inclúe unha estratexia nacional de reindustrialización, en colaboración coa Alianza pola Competitividade, para incrementar ata o 20% do PIB o peso da industria española.