O PP propón estancias gratis en Irlanda e Reino Unido para alumnado de 3º da ESO

O plan, que será levado ao próximo pleno, ten como obxectivo que os estudantes melloren o seu inglés
Rafa Domínguez. D. FREIRE
photo_camera Rafa Domínguez. D. FREIRE

O portavoz do grupo municipal do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou este venres unha moción que levarán ao próximo pleno para reclamar ao goberno local a posta en marcha dun programa de inmersión lingüística en inglés para o alumnado de 3º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

Segundo explicou Domínguez, o obxectivo é que o programa, que estaría dotado con fondos públicos, xa estea dispoñible o próximo verán. As estancias serían de tres semanas e os destinos serían Reino Unido ou Irlanda para que os estudantes melloren o seu nivel de inglés e teñan unha experiencia no estranxeiro.

A proposta quérese defender no próximo pleno mensual, que se realizará dentro de dez días. "El plan que presentamos hoy ya está funcionando en otros ayuntamientos", afirmou Domínguez.

Os rapaces que realizasen a experiencia, levarían un diploma acreditativo co nivel de inglés acadado.

Requisitos

Os rapaces que estudan actualmente 3º da ESO poderían acceder á oportunidade de ir á inmersión se están empadroados no Concello de Pontevedra –independentemente do centro educativo no que estuden– sempre que conten coa autorización dos titores legais e teñan todas as asignaturas aprobadas de 2º da ESO.

O prezo aproximado desta viaxe é duns 2.700 euros, calcula Domínguez. O Concello asumiría todo o pago para persoas que teñan unha renta per cápita menor de 15.000 euros, ou se algún dos proxenitores estivese no paro. O custo para as familias cuxos ingresos por persoa excedan de 15.000 euros será de 675 euros, facéndose cargo do resto a administración local. O custo total para as arcas públicas será de 900.000 euros, que, para o popular, "nun Concello cun orzamento de 128 millóns é máis que aceptable".

Iniciativa electoral

O portavoz do grupo municipal do PP destacou que a proposta inicialmente íase facer en marzo, co inicio da campaña electoral, pero "a pesar de poder ser capitalizado por otros partidos, es importante que se lleve a cabo para que los pontevedreses puedan acceder a las cosas cuanto antes".

Comentarios