miércoles. 21.08.2019 |
El tiempo
miércoles. 21.08.2019
El tiempo

O PP solicita un Punto Lila durante a Feira Franca

Concentración celebrada este lunes contra la violencia machista celebrada en Combarro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Concentración celebrada este lunes contra la violencia machista celebrada en Combarro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O espazo estaría destinado a denunciar posibles casos de violencia machista durante as festas

O Grupo Popular solicitou este martes a instalación dun Punto Lila durante a celebración da Feira Franca, que debería contar con "persoal especializado en violencia machista e que permita así denunciar posibles casos, ademais de ofrecer asesoramento e axuda en caso de sufrir unha agresión sexual".

A solicitude dos populares prodúcese poucas horas despois da concentración convocada na Praza da Chousa de Combarro pola Asociación Armadiña en repulsa cara ao abuso sexual denunciado por unha moza durante o transcurso do festival Armadiña Rock.

Tamén durante as xa pasadas Festas da Peregrina, o Concello de Pontevedra pendurou pancartas que ofrecían ás posibles vítimas de violencia machista información sobre os teléfonos e as instalacións nos que podían presentar denuncias, entre elas o Concello, que funcionaba precisamente como Punto Lila.

No marco destas accións, cada vez máis estendidas, que teñen por obxectivo a erradicación deste tipo de violencias dos espazos festivos, o PP non descarta que a última campaña posta en marcha polo Concello de Pontevedra poida servir para dar a coñecer aos asistentes á Feira Franca a existencia do Punto Lila.

Non obstante, a concelleira popular María José Rodríguez afirma que isto non é suficiente e que "é preciso facer visible o espazo concreto". "Durante as festas deste mes de agosto, moitas persoas preguntábanse a razón pola que estaban abertas as portas da Casa Consistorial. É necesario indicar que é onde se atopa o punto de atención directa, e mesmo podería sacarse o espazo á rúa para que sexa máis sinxelo recoñecelo", engadiu.

A formación que encabeza Rafa Domínguez considera que este espazo debe ser visible para todas as persoas que participen da Feira Franca, e contar con "profesionais especializadas que poidan socorrer ás posibles vítimas".

Deste xeito, María José Rodríguez salientou a necesidade de que o Punto Lila estea composto, ademais de por efectivos policiais, por "profesionais en materia de violencia machista e igualdade", para así "ofrecer unha mellor atención".

Os populares afirman que para loitar contra este "problema social" non se debe "escatimar en esforzos" e que o Concello debería ofrecer un servizo eficiente, contando cun "equipo multidisciplinar" composto por policías locais especializados en violencia de xénero e por axentes e promotoras de Igualdade.

"É necesario que o Punto Lila sexa efectivo para todos os veciños de Pontevedra e para as persoas que nos visitan durante esa fin de semana", sentenciaron.

Varias das recentes festas celebradas na provincia contaron cun destes Puntos Lilas, entre elas o propio Festival Armadiña Rock de Combarro, pero tamén a Festa da Auga de Vilagarcía, as Festas das Dores de Ponte Caldelas ou as Festas do Cristo de Cangas.

O PP solicita un Punto Lila durante a Feira Franca
Comentarios