sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Os praceiros do Mercado tratan de salvar as vendas con entregas de pedidos a domicilio

Imaxe da Praza de Abastos de Pontevedra na mañá deste venres. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Imaxe da Praza de Abastos de Pontevedra na mañá deste venres. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O servizo, que atende á clientela por teléfono, comezou a funcionar onte ► As carnicerías notan o parón tras a "febre" por encher a despensa de hai dúas semanas e o marisco non se vende polo peche dos locais de restauración

Reinventarse ou morrer. É a máxima que moitos teñen que aplicar estes días con présa para adaptarse á nova realidade tras a declaración do Estado de Alarma pola crise do coronavirus. No Mercado, os vendedores que habitualmente comercian cos seus produtos de forma presencial, habilitaron un servizo de entrega a domicilio para que os clientes non teñan que saír da casa. "Sobre todo a xente máis maior con medo a contaxiarse", explica unha das peixeiras da Praza.

Os vendedores de produtos de primeira necesidade con posto na Praza notan a baixada nas vendas e lamentan que, en moitos casos, tanto a Policía Local como a Nacional disuadan á posible clientela de ir ao Mercado para que opten por un supermercado máis próximo. As praceiras recordan que están a extremar as medidas de seguridade e advirten de que a Praza, ademais de ofrecer mellores produtos frescos, non conta coas aglomeracións que se producen nos supermercados estes días.

O peixe

O peixe é un dos produtos frescos por excelencia na praza. Neste sentido, malia que as praceiras notan un baixón, seguen a manter un volume de vendas aceptable no que se refire a especies de consumo diario. Non ocorre o mesmo cos mariscos ou peixes máis caros que, debido ao peche da restauración e a anulación de festas e celebracións, non atopan compradores. "O día de San Xosé foi terrible, non vendemos nada de marisco", explican traballadores de Peixes e Mariscos Margarita.

"Puxémonos de acordo e decidimos levar o produto ás casas, sobre todo pensando na xente maior", explica Luisa Gómez, de Peixes Luisa. Pero moitas das praceiras xa ofrecían o servizo de entrega a domicilio antes da crise para os seus clientes habituais e agora refórzano para todo o mundo. "Estamos pensando na posibilidade de poñernos varios de acordo e contratar a unha persoa ou facer o reparto por quendas", explica Antonia González, que leva 50 anos na Praza de Abastos, despois de que a súa nai e a súa avoa fosen tamén peixeiras no mesmo lugar. Neste sentido, Antonia reivindica o dereito das peixeiras a proveer de alimentos de calidade á súa clientela e critica que as forzas de seguridade lle digan á xente que vaian ao supermercado máis próximo. "Aquí a xente pode vir tranquila a comprar, eu incluso fago os paquetes e téñollos xa preparados aos clientes que me avisan para que só sexa chegar, recollelo e marchar. Así non teñen que parar moito tempo", conta a vendedora, que fala do sacrificio e do risco ao que se expoñen erguéndose todas as mañás ás tres da madrugada, un traballo que, para ela, non está sendo recoñecido. "Fálase dos supermercados pero non de nós".

No primeiro día de servizo a domicilio, as peixeiras da praza recibiran xa algunha chamada. María José Fernández, por exemplo, explicaba a media mañá que xa tivera unha decea de chamadas con pedidos, aínda que recoñecía que as vendas estaban a ser moi frouxas nestes días.

A carne e a froita

Entre os produtos de primeira necesidade tamén dispoñibles na Praza de Abastos está tamén a carne e a froita. Neste caso, os vendedores tamén notaron un baixón importante, se ben é certo que hai dúas semanas unha morea de persoas acudiu ás carnicerías ansiosa por aprovisionarse para a cuarentena. "Levamos este tempo bastante parados, pero é certo que hai dúas fins de semana vendemos moitísimo e a xente conxelou, así que entendemos que non e estamos vendendo porque xa o fixemos", conta o carniceiro Javier Veiga, que xa realizaba pedidos a domicilio antes da crise. O que si nota é o parón da hostelería, que adoita ser unha vía importante de saída de mercancía.

Por outra parte, os froiteiros amosábanse onte satisfeitos polo incremento de pedidos que supuxo a implantación da entrega nas casas. Así, aínda que esta era unha práctica que xa realizaban cos seus clientes habituais, agora o traballo de reparto aumentou considerablemente ao abrir esta posibilidade a todo o mundo e difundilo na Internet. "Nos vino muy bien difundir los números de teléfono por las redes sociales porque estamos recibiendo muchas llamadas, ahora mismo tengo unos diez pedidos pendientes de preparar y por la tarde los iremos a repartir", explicaba na mañá de onte María José Duarte, de Froitería María e Pablo.

Os praceiros do Mercado tratan de salvar as vendas con entregas de...
Comentarios