A praia gáñalle á Festa dos Libros

Os libreiros detectan menos vendas que na anterior edición da feira e achacan o descenso de compradores ás altas temperaturas que se rexistraron nos últimos días

Asistentes á Festa dos Libros de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Asistentes á Festa dos Libros de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

As altas temperaturas, as ganas de praia ou a fin do mes. Os libreiros da cidade barallan diversos motivos polos que a Festa dos Libros deste ano non resultou tan produtiva como na anterior edición. Moitos dos negocios que estes días despacharon novelas, contos e outros volumes na carpa da Praza da Ferrería aseguran que este ano a feira non foi boa. "Ás veces hai factores que non se poden calibrar, non podiamos predecir que ía facer tanta calor estes días", explicaba este domingo o propietario da libraría Seijas.

Ademais das altas temperaturas, deuse a circunstancia de que durante boa parte do mes de xuño o tempo non acompañou. "Non é só que faga bo tempo, é que é unha das primeiras fins de semana do ano que se pode ir á praia e a xente estaba desexando ir", explicaban no stand da libraría Paz.

Unha das propostas para mellorar as vendas é que o evento se celebre a principios de mes en próximas edicións

Por outra banda, algúns dos libreiros sinalaron que o feito de que a feira se celebre a finais de mes pode ser contraproducente, xa que os salarios se van acabando ao longo das semanas. No posto da librería El Pueblo sinalaban que este ano "non se están comprando libros, nin na feira nin na tenda", e indicaban que os motivos poden ser moitos, aínda que "o principal quizáis sexa que a xente non está sobrada de cartos para investir en libros". Houbo tamén quen indicou que a situación dos stands dentro da propia carpa podía influír nas vendas.

Mais non todos os libreiros se amosaron este domingo pesimistas polo resultado da feira. Establecementos como a libraría Nobel ou Cronopios explicaron que nesta fin de semana despacharon numerosos títulos. "Esta sempre é unha iniciativa positiva porque nos pon nun lugar moi concorrido e, ao haber sinaturas de libros, véndense moito títulos dos autores que pasaron por aquí", indicaba este domingo unha das libreiras de Cronopios.

Pola Ferraría pasaron autores como María Oruña, Pedro Feijoo ou Suso de Toro e Kalandraka celebrou o seu 20 aniversario

Por outra banda, a propietaria da libraría Luna Nueva, amosouse contenta pola cantidade de vendas dos últimos días. "Al estar aquí vendemos un 300% más de lo que podemos despachar en un día normal en nuestro establecimiento", contaba este domingo a propietaria. Deste xeito, esta era a primeira edición na que participaba o negocio, que se inaugurou recentemente.

Na xornada deste domingo pasaron pola feira para presentar as súas obras autores como Pedro Feijoo, María Oruña, Arantza Portabales ou Suso de Toro. Do mesmo xeito, a editorial Kalandraka celebrou o seu 20 aniversario na feira coa presenza dalgúns dos autores que publicaron as súas obras na editorial pontevedresa.

Lecturas
Os títulos máis vendidos


O público que asistiu esta fin de semana escolleu títulos variados. Deste xeito, ademais das últimas novidades de novela tanto en galego como en castelán, destacou a venda das obras dos autores que estiveron presentes nas sinaturas de libros como Francisco Narla ou Rafa Cabeleira.

No que se refire a literatura en galego como Long play, de Lois Pérez; Contra todo isto, de Manuel Rivas; Os fillos do lume, de Pedro Feijoo, ou Bonus track, de Rosalía Fernández.

Entre os títulos en castelán, destacaron obras como Toda la verdad, que relata a historia do narcotraficante Laureano Oubiña contada por el mesmo; Las hijas del capitán, de María Dueñas, e Lejos del corazón, de Lorenzo Silva.

 

Comentarios