A Praza da Ferraría énchese de libros

Alberto e Xabier Fortes, Ramón Caride e Xesús Constela estarán na Feira do Libro de Pontevedra, na que participan oito librerías
Preparativos da Feira do Libro 2016
photo_camera Preparativos da Feira do Libro 2016

Presentacións de libros, contacontos, actividades infantís e sinaturas de autores como Xabier Fortes, Ramón Caride e Xesús Constela, entre outros, compoñen o programa da Feira do Libro de Pontevedra, que se inaugura este martes (19.00 horas) na Praza da Ferraría e que se prolongará ata o domingo 10 de abril. Oito librerías participan neste evento que acollerá preto de 30 actividades abertas ao público ao longo de seis días. Alberto Fortes será o encargado de ler o pregón deste ano, no que se instalarán no Paseo Antonio Odriozola seis librerías de Pontevedra (Paz, Seijas, Cronopios, D-Lectum, Clip e Nobel), ademais de Cartabón (Vigo) e (Pedreira).

Tamén contarán con espazo propio a Deputación Provincial, a Secretaría Xeral de Cultura e a Biblioteca Pública da cidade.

A presidenta da Federación de Librerías de Galicia, Pilar Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, presentaron hoxe a Feira do Libro de Pontevedra, «a primeira do calendario galego», segundo indicou Lorenzo, que tamén destacou que este ano o número de eventos se incrementa en dous. «Ás citas habituais sumamos por primeira vez outras dúas na provincia de Pontevedra, a de Redondela e a do Porriño, chegando a un total de 14 feiras galegas», dixo.

Tanto Anxo Lorenzo como Pilar Rodríguez destacaron a presenza de actos dirixidos ao público infantil na feira de Pontevedra e, preguntados pola crise no sector libreiro, lembraron que pese aos peches de negocios que se produciron ao longo dos últimos anos, nalgúns casos de librerías históricas, tamén se abriron outros novos e Galicia segue sendo a comunidade de España con maior número de librerías por habitante.

ORZAMENTO. Sen embargo, a presidenta da Federación de Libreiros recoñeceu que o Concello tivera que incrementar o orzamento da Feira para que os libreiros se animasen a participar, ao non resultarlles rendible. A achega municipal ao evento é de preto de 6.000 euros. «Moitos dos libreiros non podían asumir participar na feira e decidimos contribuír desta maneira a que se seguise facendo», explicou Riveiro.

Pilar Rodríguez lembrou ademais que o negocio das librerías en Galicia tiña unhas características particulares. «É un sector económico con características propias, maiormente baseado nos negocios pequenos e familiares, ao que a crise chegou hai dous ou tres anos, cando nalgúns sectores xa se falaba de recuperación », explicou. «Nunca se sufriu dun xeito tan bestial como puido sufrirse noutros ámbitos, entre outras cousas, porque nós sempre estamos en crise».