A Praza de España sae a bailar con Víctor Manuel

A actuación do artista asturiano, programada pola Xunta de Galicia e o Xacobeo, serviu como epílogo para as Festas da Peregrina
Víctor Manuel. RAFA FARIÑA
photo_camera Víctor Manuel. RAFA FARIÑA

As luces tinguían de azul o escenario. O público, máis adulto que noutras ocasións, ocupaba as súas localidades ficticiais nunha Praza de España que na noite de este luns se despedía por este ano das Festas da Peregrina. O último concerto, organizado pola Xunta de Galicia e o Xacobeo, estaba a piques de comezar.

Instantes despois, coa puntualidade dun reloxo suizo que nese intre marcaba as dez e media, o escenario quedou a escuras. Foi a primeira ovación das tantas que restaban. Tras ela, a música e un Víctor Manuel sobre o que se iluminou o escenario co seu primeiro verso. A danza de San Juan fíxose co público e, a raíz do seu estribillo, o cantante asturiano deixou claras as súas intencións: "Señor San Juan, salgamos a bailar". Nada máis rematar a súa primeira peza, antes sequera de coller folgos, Víctor Manuel xa comezara coa segunda. Quiero abrazarte tanto, coreado con forza polas xentes pontevedresas, tampouco decepcionou.

A longa lista dos seus grandes éxitos, da que o asturiano non dubidou en botar man para a actuación desta noite, seguiu adiante con Bailarina, Luna e outro catálogo de cancións co que acabou metendo ao público no seu peto. O concerto do artista agrúpase na súa xira 75º aniversario, na que leva inmerso desde comezos de xullo e que está a facer viaxar a súa música por un sen fin de escenarios da xeografía española. Unha forma de amosar que, cos tres cuartos de século xa cumpridos, Víctor Manuel aínda ten moito que dicir e, sobre todo, moito que cantar.