O prazo para pedir as axudas á compra de ordenadores remata na medianoite do xoves

O Concello recibiu 1.610 solicitudes para optar á subvención destinada a estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclos
Anabel Gulías, na oficina do Plan Supera. CONCELLO
photo_camera Anabel Gulías, na oficina do Plan Supera. CONCELLO

O prazo para solicitar a axuda á compra de ordenadores para estudantes remata o mércores, de xeito que se poderán realizar as últimas solicitudes ata as 00.00 horas do xoves a través da web do Concello. Tal e como informou este martes a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, dende a publicación das bases no BOP, hai un mes, ata agora, recibíronse 1.610 solicitudes para optar ás subvencións inseridas dentro do Plan Supera 21 para a reactivación económica con motivo da crise.

Gulías asegurou que "estamos moi satisfeitas con esta convocatoria que, salvo sorpresa maiúscula, vai esgotar o crédito previsto no Plan Supera". A respecto destas axudas, indicou que "agora queda o traballo máis complexo, que será o de ordear a capacidade económica dos solicitantes". Gulías salientou a boa acollida desta liña de subvencións, a primeira do Plan Supera, e asegurou que espera que a seguinte, na que se está traballando e suporá axudas a pequenas empresas e autónomos da cidade, teña a mesma acollida.

O Concello destina unha partida inicial de 400.000 euros para esta liña de axudas, orientada á adquisición de equipamentos informáticos ata un máximo de 400 euros. Os equipos deben ser adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021 e deben ir destinados a alumnado matriculado durante o curso 2020/2021 en Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica, Formación Profesional de Grao Medio ou Educación Especial nun centro docente sostido con fondos públicos. Tamén se establece que a unidade familiar debe estar empadroada no Concello de Pontevedra e que o anticipo da axuda será do 100%.

A tramitación pode realizarse ata a medianoite deste mércores ao xoves a través da sede electrónica do Concello, na que se permite adxuntar a documentación requerida para optar ás subvencións.

Comentarios