Escritora e profesora da Escola de Letras

Anna Figueiredo: "Precisamos que nos conten contos"

"Apaixonámonos polas artes igual que polos logaritmos", confesa Anna Figueiredo (Ourense, 1979) minutos antes de entrar na Escola de Letras da Deputación. Doutora en Física e profesora de Tecnoloxía, guía ao seu alumnado na construción do relato que levan dentro
Anna Figueiredo, escritora, doutora en Física e docente da Escola de Letras. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Anna Figueiredo, escritora, doutora en Física e docente da Escola de Letras. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Escola de Letras que promoven a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia organiza o terceiro ano de obradoiros literarios, e sempre se esgotan as prazas en minutos. A que atribúe o éxito? 
A Escola de Letras leva tres anos e está sendo un éxito tanto en Pontevedra como en Vigo. Temos ganas de escribir e de contar cousas. Disfrutamos máis da cultura cando estamos involucrados nela. Do mesmo xeito que damos por sentado que un afeccionado ao fútbol, cando xoga aínda que sexa entre colegas, disfruta máis, coa literatura pasa igual. Cando nos apoderamos desas ferramentas que constrúen a nosa paixón como lectores, enriquecémonos tamén coa capacidade de escribir. Quizais non escribimos todos para ser escritores e ver os libros publicados, pero como é algo que nos fai tan felices queremos formar parte do proceso. Esta escola é a primeira oportunidade democrática de artellar algo que gozamos tanto como é a lectura. Logo, atopas amigos e amigas coas mesmas paixóns. É un lugar onde podes despregar as ás e sentirte libre.

O ano pasado falaba dos pasos para construír unha novela. Neste ano imparte o curso ‘Escribir, xéneros, técnicas, temáticas’. Que se contan?
Traballamos os xéneros literarios. Temos un pouco de teoría básica sobre a construción dun texto narrativo. Eu adáptome ao estudantado. Por exemplo, por demanda popular vamos falar tamén de teatro, que é outro xeito de contar historias. Podes contar comedia, drama, xénero noir... Son oito sesións, a primeira, que foi a da semana pasada, foi de toma de contacto. Logo, a través dunha votación o alumnado escolleu sete xéneros literarios e en cada sesión vamos artellando un xénero literario específico. Ao rematar cada sesión cada alumno ten o seu relato.

A Escola de Letras é a primeira oportunidade democrática de artellar algo que gozamos tanto como e a lectura" 

Que ten en común o alumnado, hai un perfil concreto?
Encantoume volver a ter a experiencia, pero non. Son súper distintos. É flipante. Obviamente, prevalece o amor pola lectura e a escritura, pero o perfil é híper diverso e moi enriquecedor. Todos teñen distinta bagaxe cultural, distintos intereses. O ano pasado os temas recorrentes que tamén saían entre as propostas da aula artellábanse arredor da literatura do eu, da autoficción, que foi o que máis se escribiu durante a pandemia. Este ano as propostas que máis nos interesan son as que teñen que ver coa ciencia ficción. É como se dixeramos: ‘Foi horrible o que nos pasou vamos a crear un mundo novo’. Fomos a todas as festas posibles a todos os festivais e desde a literatura tamén precisamos iso. As necesidades de contar van mudando. Agora buscamos inventar un mundo novo, ciencia ficción, fantasía... É certo que volve saír a temática social, pero sobre todo precisamos que nos conten contos, definir un futuro cara o que ir, que nos faga soñar.

Curso da Escola de Letras impartido por Anna Figueiredo, na Deputación de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Curso da Escola de Letras impartido por Anna Figueiredo, na Deputación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Doutora en Física pola Universidade de Sheffield, leva traballando no ensino desde o ano 2009. Que fai unha doutora en Física como titora nunha Escola de Letras? Está claro que non é incompatible, non?
Non! Paréceme moi natural porque (a ver como artello isto...) creo que as persoas que temos inquedanzas por coñecer o porqué das cousas, ademais de que nos fascina tanto, tamén nos gusta contalas. Se investigas sobre a orixe do universo, como se organizan as partículas logo llo queres contar á xente. Pero claro, non todo o mundo está tolo coma ti. A través da narración podes invitar á xente que igual non ten o background que tes ti a coñecer a ciencia. Apaixonámosnos pola arte igual que polos logaritmos. Ás veces as persoas de ciencias sentímonos frustradas porque queremos contar a ciencia e hai unha barreira aí. A ciencia tamén fala do cotiá, do día a día, do que somos. Cando se crean os superheroes, explícanse os seus superpoderes desde a ciencia. Somos persoas cunha paixón que comunicar e contar.

Nos últimos tempos aumentaron as iniciativas para motivar ás alumnas a seguir carreiras STEM. Que pensa vostede que acontece para que non haxa máis rapazas que queiran cursar estas carreiras máis técnicas ou científicas?
Sigo pensando que temos un teito de cristal que é moi difcíl de romper. Chegas a unha entrevista de traballo e te preguntan, como me fixeron a min, se pensas ter fillos... Non é a única razón, desde a escola tamén temos que visibilizar esa idea de que as rapazas poden ser científicas. É marabilloso que cada vez haxa máis profesoras de Física. de Matemáticas, de Tecnoloxía, que se fale do que se fai no CERN, por exemplo. Que cada vez haxa máis testemuños. É moi difícil que unha rapariga pequena elixa ser científica  se non coñece a ningunha. Logo tamén acontece que imos a charlas moi interesantes e os poñentes son homes. Se nunca viches unha arquitecta desempeñando o seu labor e que  vai ilusionadísima a falarche da beleza do formigón non vas seguir os seus pasos.

É moi difícil que unha rapariga pequena elixa ser científica  se non coñece a ningunha"

Autora de ‘Os bicos feridos’ (premio Viaducto de Novela) e gañadora de numerosos certámenes literarios, ensina aos demais a desenvolver os seus proxectos narrativos, pero que é dos de Anna Figueiredo? Para cando un novo libro?  
Hai algo, hai algo... pero quero estar segura e son moi esixente. Está en fase de corrección, aínda lle queda un tempo. Voume poñer un límite porque esa fase de corrección pode dilatarse ata o infinito, pero polo de agora non che digo unha data. E, mentres, son moi feliz colaborando cos artigos de Tempos. Sempre llo digo a Diego Seixo, eu escribo para el faga a fotografía. Síntome realizada porque me dan un premio artístico. 

Que tal vai de saúde a literatura galega? Pode un ser optimista?
Eu quero ser optimista. Son das que ven o vaso a medio encher, polo que diciamos antes, acabamos desa ír dunha época durísima e mira, hoxe (por onte) é o Día das Linguas Minoritarias e hai que defender á nosa lingua. A literatura galega, xa o dícía Diego Giráldez, é unha literatura de seu con todo. Hai cousas que me fascinan e outras que non me chaman nada, pero igual que na literatura inglesa, alemana, española... Creo que se nós seguimos ilusionados con ela, a través de obradoiros a través das propias escritoras e escritores, irá para adiante. Ser parte da creación dun país e iso é moi bonitoe temos que ser conscientes de que somos unha literatura máis, nin mellor nin peor. Hai moitas persoas que temos moito que aprender pero hai unha homestidade na nosa literatura.

Comentarios