Os maiores reivindícanse: "Precisamos recursos para un envellecemento activo"

Pontevedra celebrou o Día internacional das persoas maiores cun pasarrúas e un manifesto no que se esixiron recursos para este sector da sociedade por parte das administracións
20221001_Dfreire_014
photo_camera José María Fernández e Conchi Mumary leron o manifesto no acto central da xornada, na praza da Verdura. DAVID FREIRE

"As persoas maiores somos a forza construtora do pasado, do presente e do futuro ao mesmo tempo que fomos as persoas xeradoras da maioría dos dereitos que hoxe mesmo desfrutamos". Con este recordatorio comenzou o manifesto das persoas maiores de Pontevedra, que este sábado celebraron o seu día dentro das I Xornadas de Interacción Social das Persoas Maiores.

Pronunciaron o manifesto Conchi Mumary e José María Fernández, integrantes da Asociación do Alumnado e Exalumnado Sénior do Campus despois dun pasarrúas que percorreu boa parte do casco antigo a cargo dos 40 integrantes de Mais Cantos e do músico Nelson Quinteiro, que tamén actuaron na praza da Verdura, onde tamén se leu o manifesto nun acto ao que tamén acudiu o edil de Benestar Social, Marcos Rey. 

O público achegouse á Verdura para escoitar o manifesto. DAVID FREIRE
O público achegouse á Verdura para escoitar o manifesto. DAVID FREIRE

"Queremos celebrar esta fase da vida, vivir na dignidade e na igualdade de dereitos. Queremos respecto (..) e ver a xubilación como unha nova fase e unha oportunidade". Os maiores reivindicáronse como persoas capaces e dispostas a adaptarse á nova sociedade e a transmitir as súas experiencias e coñecementos ás novas xeracións, "mellorando as relacións interxeracionais e sendo o pegamento e alicerce da cohesión familiar".

DEPENDENCIA. Queren "que se nos teña en conta, estimular todos os resortes que eviten a nosa dependencia" e tamén "que ninguén quede excluído por ser muller; por ser do rural, por ter unha discapacidade ou por vivir na periferia".

Varias integrantes de Mais Cantos. DAVID FREIRE
Varias integrantes de Mais Cantos. DAVID FREIRE

Por iso, subliñan, "é a obriga das administracións poñer recursos a disposición das persoas maiores e de prepararse para a sociedade que imos ser (...). Precisamos recursos económicos, sociais e infraestruturas destinadas a fomentar o envellecemento activo de cara a mellorar a nosa calidade de vida. Debemos percibir pensións que garantan a nosa dignidade, autonomía e vida plena: servizos sanitarios e sanidade pública que acompañen no noso devir", subliñan.

Servizos sociais, acompañamento, prazas de residencia e de axuda "á altura das necesidades reais". Tamén puxeron énfase na interacción social. "As relacións sociais diminúen o sentimento de soidade e son un factor importante xa que non só melloran a calidade de vida, senón que tamén inflúen nunha maior lonxevidade. En Pontevedra sabémolo ben", aínda que, apuntan, queda moito por facer.

Outro momento da actuación, onde non faltou a intérprete de lingua de signos. DAVID FREIRE
Outro momento da actuación, onde non faltou a intérprete de lingua de signos. DAVID FREIRE

Comentarios