Premiados tres alumnos do Garaxe Hermético

Outros seis alumnos do centro impulsado por Kiko da Silva publican historietas no libro Museum de ECC
Viñeta de Lucía Rodríguez Cid, Premio Curuxa Nova. DP
photo_camera Viñeta de Lucía Rodríguez Cid, Premio Curuxa Nova. DP

A Boa Vila é unha boa canteira de debuxantes e humoristas gráficos. E se non que llo pregunten ao fundador e director da Escola de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, Kiko da Silva, que vén de anunciar que tres dos seus alumnos acaban de gañar distintos certames de cartelería e banda deseñada, mentres que outros seis participan nunha publicación a nivel nacional.

Así, a estudante de terceiro curso de Banda Deseñada Profesional desta escola pontevedresa Lucía Rodríguez Cid fíxose co Premio Curuxa Nova, dotado con 1.500 euros. O galardón está impulsado polo Museo do Humor de Fene. Non foi a única. O seu compañeiro de segundo curso de Banda Deseñada Porfesional Hadrián Jamardo quedou finalista nese mesmo premio outorgado polo Museo do Humor Xaquín Marín.

A proposta de Hadrián Jamardo, finalista. DP
A proposta de Hadrián Jamardo, finalista. DP

Ademais, Cristina Alboja, exalumna do Garaxe Hermético, alzouse co primeiro posto no Premio de Carteis de Olería 2023.

Publicación

Por outra banda, seis exalumnos desta escola veñen de publicar as súas historietas no libro Museum de Fernando de Felipe, un autor clásico das revistas dos 80, á que a editorial ECC lle está reeditando unha colección con toda a súa obra.

No novo tomo publicáronse como extras 6 historias que realizaron os alumnos do Curso Profesional de cómic en 2019 a modo de homenaxe. "Un exercicio no que aprenderon moito de como se traballa con personaxes e limitación de páxinas como se facía na época da revistas e as historietas curtas", sinalan desde O Garaxe Hermético.

As historias de Andrés Chinchilla, Luciano Ripio, Javier Rial, Jorge Fernández, Sergio de Arcos e Cristina López poderanse ler nesta edición especial de Museum. O curso no Garaxe Hermético pecha as súas portas o vindeiro 15 de xullo, aínda que a escola está a preparar os seus cursos de verán para aprender escritura creativa e de guión, manga e cómic, animación tradicional, técnicas como a pintura con gouache ou obradoiros de debuxo urbano ó aire libre.

Comentarios