Premiados dous proxectos do CIFP Carlos Oroza e o IES Montecelo

Os galardóns Demo Day, da Deputación, tamén recoñeceron unha iniciativa do CIFP Manuel Antonio
Foto de familia de estudantes e docentes premiados, con Silva. GONZALO GARCÍA
photo_camera Foto de familia de estudantes e docentes premiados, con Silva. GONZALO GARCÍA

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrouse este martes "alucinada co nivelazo que ten a formación profesional na nosa provincia" na entrega dos Premios Demo Day aos proxectos gañadores da nova edición de DepoEmprende na FP, un acto que se celebrou coas medidas de protección e distanciamento axeitadas.

Estes galardóns recoñecen ás tres mellores iniciativas empresariais presentadas este curso á convocatoria e que tiveron que reorientarse, polas consecuencias da crise sanitaria, cambiando os seus proxectos iniciais ao formato audiovisual. O xurado destacou "o excelente nivel dos traballos" que na categoría de Grao Superior, outorgou o primeiro premio (700 euros) ao CIFP Carlos Oroza polo proxecto Animal Lovers e o segundo premio (500 euros) para o CIFP Manuel Antonio por OdontoApp.

Animal Lovers, realizado polas alumnas Nuria Pintos e Nuria Franco, do CS de Aloxamentos Turísticos, baséase na posta en marcha dun establecemento destinado a satisfacer as necesidades que se dan á hora de viaxar con mascotas. Trátase dun hotel rural onde os protagonistas son os animais de compañía das persoas que se hospedan, con aloxamento e coidados específicos para eles.

En canto á categoría de Grao Medio, o premio (700 euros) foi para o IES Montecelo polo proxecto empresarial Camiñando, ideado por Andrea Abal, José Carlos Rodríguez e Julián Sevilla, do CM de Farmacia e Parafarmacia. É unha iniciativa que ofrece a montaxe e comercialización dun kit con produtos para o coidado persoal dos peregrinos, utilizando unha cabaza como envase que despois pode conservarse como recordo da experiencia vivida.