sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

Premio de transferencia tecnolóxica a un software pontevedrés adaptado á Covid

José Luis Alba, Manuel Ubeira e Elisardo González. CEDIDA
José Luis Alba, Manuel Ubeira e Elisardo González. CEDIDA
RelEYEble, unha spin-off da UVigo, ofrece un sistema de visión artificial pensado inicialmente para a publicidade
Un sistema de visión artificial capaz de detectar condutas irresponsables no control da covid-19, un composto farmacolóxico para evitar os efectos negativos da radioterapia e da quimioterapia sobre a pel dos pacientes e unha laca de unllas medicamentosa son os ganadores dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que este ano chegan á súa sexta edición cunha dotación de 6.000 euros en cada unha das súas categorías.

O certame, que deu onte a coñecer a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 14 de xullo.

A spin-off da Universidade de Vigo RelEYEble resultou galardoada co premio "Ricardo Bescansa Martínez" como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. Nacida en 2016 e radicada na cidade de Pontevedra, ofrece un software de visión artificial é capaz de medir as audiencias de soportes publicitarios coma os carteis dixitais e de rexistrar as reaccións de cada persoa, ofrecendo información de enorme valor para anunciantes e xestores nos sectores da publicidade e do comercio á hora de tomar decisións sobre as súas campañas, a disposición de produtos nas tendas e o deseño de escaparates, entre outros aspectos. Tamén permite adaptar os contidos ao perfil das persoas que rexistra para maximizar o impacto.

O xurado dos premios valorou especialmente a capacidade da empresa para adaptar de xeito moi áxil a súa tecnoloxía ás necesidades xurdidas a raíz da crise da covid-19, cun sistema que lle permite ao pequeno comercio ofrecer garantías de seguridade durante a recén estreada etapa de nova normalidade. En concreto, mediante este software que xa espertou interese no mercado, os comerciantes poden recibir alertas en tempo real cando os clientes non levan posta a máscara ou non respectan a distancia de seguridade.

Estas tecnoloxías teñen a súa orixe no traballo realizado en I+D da análise facial durante os últimos 15 anos no Grupo de Tecnoloxías Multimedia da UVigo. Logo de pasar por dúas aceleradoras de empresas (ViaVigo e Galicia Open Future) e quedar finalista no evento de emprendemento universitario internacional SPIN2014, a empresa logrou en 2015 a cualificación como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT).

Ao longo deste tempo, o seu software foise perfeccionando ata o punto de permitir extraer en tempo real información de cantas persoas están diante da pantalla, o seu sexo e idade estimada, a emoción espertada e canto tempo permanecen diante do estímulo visual. A empresa conta con clientes a nivel internacional no sector da publicidade dixital, pero tamén do neuromárketing (para medir a reacción ante spots publicitarios, preestreas ou mensaxes políticas) e da identificación biométrica (comprobación de documentos de identificación e persoas), ademais da función de videovixilancia que permite, entre outras, as utilidades relacionadas coas medidas para conter a pandemia do coronavirus.

DE MÉXICO A REINO UNIDO. Elisardo González, un dos tres socios fundadores de RelEYEble xunto con Manuel Ubeira e José Luis Alba e Manuel Ubeira -o último é profesor da Escola de Enxeñería de Telecomunicación e os outros dous egresados- explica que "co tema da covid houbo un parón no comercio e as pantallas quedaron apagadas, así que pensamos en darlles un valor e engadimos a opción de que miren se os clientes levan a máscara e se respectan a distancia social, cun mapa de calor".

"A candidatura coincidiu coa implantación destas melloras, desenvolvidas nos últimos tres meses; era o momento"

O software complétase con outro produto, un "control de aforo intelixente", baseado en orientar as cámaras cara a porta do establecemento e convertir as pantallas nunha sorte de semáforos. A idea pontevedresa está xa en marcha, tanto nunha ferraxería de Baiona -onde se instalará o sistema este mes- como en estacións de servizo en España e Portugal e mesmo nun hospital do Reino Unido e nunha estación de tren en México.

"Aliñáronse os astros", admite González en alusión ao premio. "A candidatura coincidiu con que estabamos implantando estes produtos, que foron unhas melloras desenvolvidas nos últimos tres meses. Era o momento". A transferencia é o xermolo de RelEYEble e o premio servirá para que a empresa "siga medrando".

Premio de transferencia tecnolóxica a un software pontevedrés...
Comentarios