domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Premios de innovación para os IES Frei Martín e Montecelo e o CIFP Carlos Oroza

Prototipo do Aquamóbil Adapt. CEDIDA
Prototipo do Aquamóbil Adapt. CEDIDA

Os proxectos elixidos, entre os once da provincia, son un triciclo anfibio eléctrico, a aplicación do bagazo da uva á cosmética e á alimentación e impresoras cartesianas ▶ Suman 44.386 euros
 

Un triciclo anfibio eléctrico, a valorización do bagazo da uva para elaborar produtos cosméticos e de alimentación e unhas impresoras cartesianas 4.0 de gran formato con aplicacións gastronómicas son as tres ideas orixinarias de Pontevedra que foron recoñecidas cos premios a proxectos de innovación que concede a Consellería de Educación. Pertencen, respectivamente, ao IES Montecelo, ao IES Frei Martín Sarmiento e ao CIFP Carlos Oroza. Na provincia foron premiados outros oito proxectos.

O obxectivo desta convocatoria, segundo explica a Xunta, é impulsar iniciativas e proxectos innovadores no ámbito da Formación Profesional, ao tempo que se fomenta a colaboración con empresas e institucións do seu contorno e con outros centros educativos. Tamén se quere favorecer o emprendemento e a aparición de novas iniciativas empresariais, especialmente aquelas que sexan susceptibles de pórse en marcha na Rede galega de viveiros de empresa.

A convocatoria estrutúrase en dúas modalidades. A primeira está destinada a proxectos que teñan como obxectivo a xeración de innovación tecnolóxica ou científica e que redunden na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos. As iniciativas debían estar orientadas a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo, así como ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.

Nesta categoría foron premiados os dous institutos pontevedreses. O IES Montecelo -que viña de presentar na Cidade da Cultura os dous proxectos seleccionados o ano anterior- recibiu 10.142,22 euros para facer realidade o Aquamóbil Adapt. Segundo explicou o director do centro, Miguel Carballa, trátase dun triciclo anfibio de funcionamento eléctrico no que unha persoa en cadeira de rodas podería desprazarse directamente da súa casa ao mar.

A intención é crear un prototipo de baixo custe ("unha vez rematado e feitas todas as probas, o precio para unha produción de 25 ou 30 unidades baixaría á cuarta parte", apunta) que permita a independencia e o confort na vida diaria de persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, é compatible co uso de enerxías limpas e respectuosas co medio ambiente.

Con este invento daríaselle resposta ás persoas con mobilidade reducida "que non sempre poden acceder a actividades de contacto na natureza de maneira independente, regular e a baixo prezo".

DO LAGAR Á PEL. O proxecto do IES Frei Martín Sarmiento está dotado con 20.403,76 euros. Segundo explicou o director do centro, David Alvariño, contan coa colaboración do CIFP Manuel Antonio (Vigo) e do IES da Pobra do Caramiñal. 

No centro de referencia están implicados uns 80 estudantes dos ciclos de Estética, Dietética e Mecanizado. "O proxecto consiste en extraer as pebidas da uva, do bagazo, e exprimilas para obter aceite, que logo se aplicaría á cosmética e á alimentación". A idea xurdiu do maxín da docente Martina Cordido, que a plantexou a principios de curso. "Pareceume moi interesante, porque non había nada feito deste tipo nos centros educativos. Traballouse moito, polo que estamos encantados co premio".

O departamento de Imaxe Persoal asumiu a investigación, o de Mecanizado construirá a máquina -coa axuda dos centros colaboradores- e o de Sanitaria estudará a aplicación alimentaria. Tamén contan co apoio das adegas Martín Códax, que lles proporcionarán o bagazo das uvas albariñas.

O proxecto do CIFP Carlos Oroza, unhas impresoras cartesianas 4.0 de gran formato con aplicacións gastronómicas, poderá materializarse cun premio de 13.840,70 euros. Este encádrase na modalidade B, na que recoñecen as iniciativas orientadas á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etcétera. Ademais, eses materiais debían ser doadamente trasladables a outros centros educativos onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados. 

IES CHAN DO MONTE. Nesta mesma categoría tamén foi recoñecido o IES Chan do Monte (Marín), cun sistema de planificación de recursos empresariais ODOO: módulos de contabilidade, facturación, almacén, recursos humanos, CRM e tenda de comercio electrónico. A dotación foi de 3.850,67 euros. 

Os demais proxectos premiados en Galicia son de institutos de Vigo (CIFP Manuel Antonio, con cinco, e CIFP Valentín Paz Andrade) e de Moaña (IES Plurilingüe A Paralaia). 
 

Premios de innovación para os IES Frei Martín e Montecelo e o CIFP...
Comentarios