domingo. 05.07.2020 |
El tiempo
domingo. 05.07.2020
El tiempo

"Preocúpanos conseguir que no interior haxa o mínimo contacto"

Luis Muñoz López, presidente da CIUG. DUVI
Luis Muñoz López, presidente da CIUG. DUVI
As novas medidas derivadas da covid-19 como o distanciamento e a hixiene extrema súmanse a unha cifra de matriculados "anormalmente alta" respecto a anos anteriores, o que obrigou a deslocalizar as probas en varias comarcas

Despois de 15 anos vinculado á selectividade como presidente de comisión, Luis Muñoz, delegado da UVigo na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), afronta unha edición inédita da ABAU como presidente do organismo encargado de organizar as probas.

Como se presenta esta edición?
O problema é, sobre todo, sanitario, xa que obriga a manter o distanciamento e a evitar traslados masivos, polo que houbo que crear dez comisións delegadas en cabeceiras de comarca. Multiplícase a xestión. Dependemos de institutos e concellos. Vanse celebrar probas nalgúns IES, como no Carballiño ou Xinzo (Ourense). En Cangas, por exemplo, o Concello ofreceunos o pavillón do Gatañal, pero quedaba curto. Buscamos sitios aceptables, aínda que a problemática pode ser climatolóxica. Será máis agradable se non fai moita calor. Será practicamente o único que quede ao azar.

As probas en Pontevedra cinguiranse ás habituais aulas das tres facultades?
En Ciencias Sociais e en Forestais serán nas aulas máis grandes, cunha capacidade máxima do 20%. En Ciencias da Educación instalaranse 300 mesas: 110 nun espazo grande onde se quitará o chan mullido e outras 190 no pavillón do propio edificio.

"A problemática pode ser meteorolóxica. [Os exames nos pavillóns] serán máis agradables se non fai moita calor"

Este despregue supón un maior gasto para a Universidade? Colaboran outras institucións?
A meirande parte dos concellos aceptaron colaborar no traslado das mesas, na limpeza e na desinfección.

Como se van evitar as habituais aglomeracións nestes casos?
As aglomeracións son, basicamente, á entrada e á saída. Nos pavillóns contralaranse as colas de acceso, por iso pedimos a colaboración dos representantes dos centros. Os alumnos entrarán por orde alfabético e serán os profesores quen os identifiquen. Cada mesa estará etiquetada co nome dun estudante para que só el a utilice. A saída será máis espallada, en canto vaian entregando os exames. Pedímoslles que en canto rematen marchen para a casa, a menos que teñan outro exame a continuación.

Non se volverán ver as típicas imaxes dos grupiños nos corredores das facultades.
Intentaremos evitar estes corrillos nos edificios. Fóra podémoslles pedir que non os fagan, pero non podemos disolvelos. Tampouco é o mesmo a ventilación ao aire libre que no interior. O que nos preocupa é conseguir que haxa o mínimo contacto posible dentro para evitar contaxios.

Nunha edición na que, ademais, a cifra de participantes aumentou exponencialmente.
Si. O número de matriculados é anormalmente alto. Xa fixeramos unha estimación alta respecto ao ano pasado, pero quedámonos curtos. Aumentou un 15% ou un 20% máis. Podemos especular coas razóns deste aumento, pero independentemente diso hai que examinalos e poñerlle unha mesa a cada un.

Habendo máis aprobados en 2º de Bacharelato que en anos anteriores, aumentarán tamén as notas na ABAU, tendo en conta ademais o cambio de modelo por un de maior opcionalidade?
Parece que o exame será máis doado, xa que escollerán as preguntas dun litado. Haberá xente quevirá a subir nota e outra co Bacharelato simplemente aprobado.

"Preocúpanos conseguir que no interior haxa o mínimo contacto"
Comentarios