miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

#Eusonloureiro dinamiza a actividade económica da zona Leste

Colocación do monolito na zona da Pasarela. GONZALO GARCÍA
Colocación do monolito na zona da Pasarela. GONZALO GARCÍA
O alcalde participou nas primeiras accións da campaña de impulso da rúa Loureiro Crespo

As primeiras accións da campaña de dinamización do comercio de Loureiro Crespo #eusonloureiro que pon en marcha a concellaría de Obras comezaron este xoves coa pretensión de minimizar os efectos negativos que as obras teñen sobre este sector.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, achegáronse hasta o cruzamento da rúa Loureiro Crespo con Doce de Novembro para manter un encontro con comerciantes da rúa aproveitando a colocación do novo monolito que recolle os establecementos comerciais adheridos á campaña. Polo de agora, 42.

O alcalde lembrou que se trata dunha campaña para visibilizar o comercio da rúa mentres se atopa en obras co propósito de que os veciños de Pontevedra se acheguen ao barrio a mercar. Lores asegurou que os comercios de Loureiro Crespo están a pasar un mal momento tanto pola pandemia, ao igual que o resto de establecementos da cidade, ao que hai que engadirlle ás molestias que ocasionan as obras "por iso intentaremos que neste Nadal se compre no barrio". 

Aproveitando a parada da construción con motivo das vacacións de Nadal, a concellaría e a empresa adxudicataria, Covsa, tratarán que as zonas en obras se atopen o máis practicables posibles para que non interfiran nas comunicacións e nas compras de Nadal.

#eusonloureiro é unha campaña ambiciosa que, ademais de promover as compras de proximidade, inclúe accións relativas á propia historia e á memoria do barrio a través de roteiros e exposicións. Ademais da parte gráfica, elaborouse un censo de todos os negocios da zona que incluíu a compilación de datos e material gráfico de cada un deles para utilizalo en redes sociais e nunha mostra que recolla a historia da rúa.

Tamén se repartiron cartaces específicos para os locais comerciais, volantinas para toda a veciñanza. E nas vindeiras semanas farase unha instalación fotográfica coa historia do barrio que poderá visitarse facendo un percorrido polos escaparates dos comercios.

Tamén en decembro está previsto un roteiro para coñecer o barrio e a súa historia e, aproveitando o Nadal, os comercios agasallarán aos clientes cunha pulseira co lema #eusonloureiro.

#Eusonloureiro dinamiza a actividade económica da zona Leste
Comentarios