sábado. 17.08.2019 |
El tiempo
sábado. 17.08.2019
El tiempo

Preto de 20 rúas da cidade estarán pechadas o sábado ao tráfico rodado

O guindastre municipal tivo xa traballo onte nas zonas nas que comezaban as restricións. RAFA FARIÑA
O guindastre municipal tivo xa traballo onte nas zonas nas que comezaban as restricións. RAFA FARIÑA

A proba de tríatlon suporá tamén o corte dos accesos a Pontevedra desde o norte

O Campionato de España de Tríatlon que acollerá este sábado a Boa Vila traerá consigo varias restricións na circulación, tanto no centro da cidade como nos accesos á mesma. A estrada de Santiago, a N-550, e a PO-224, que enlaza Xeve co Pontillón do Castro, serán as principais afectadas pola proba deportiva.

As rúas que permanecerán máis tempo pechadas ao tráfico, entre as 07.45 e as 21.30 horas, son a Avenida de Bos Aires, a das Corvaceiras e a de Uruguai, así como as rúas do Campus Universitario.

O transcurso da carreira a pé suporá o corte de 15 rúas do centro da cidade. Entre as 10.30 e as 21.30 horas permanecerán pechadas Benito Corbal, Daniel de la Sota, Peregrina, Curros Enríquez, Sarmiento e a dos Soportais.

Nun horario máis reducido que o anterior, entre as 12.00 e as 21.30 horas, o tráfico ficará restrinxido nas rúas Cobián Roffignac, Padre Amoedo, Cruz Vermella, Santa Clara, Padre Fernando Olmedo, Padre Gaite, Perfecto Feijóo e Álvaro Cunqueiro.

ALTERNATIVAS DE TRÁFICO. A Policía Local recomenda que os condutores que precisen saír de Pontevedra en dirección ao norte ou ao Salnés o fagan preferiblemente polo sur, a través do Nó do Pino e do treito libre de peaxes da AP-9. A circulación pola estrada de Santiago, a N-550, estará restrinxida de forma absoluta durante a proba ciclista, entre as 08.30 e as 17.00 horas desde o cruce coa EP-0506 de Barro na glorieta de Médico Ballina ata o Peirao das Corvaceiras.

A alternativa que a Policía Local ofrece á circulación pola Avenida de Compostela, o tramo urbano da N-550, son a Avenida da Coruña e a de Médico Ballina, así como o Paseo Domingo Fontán para as saídas, xa que para as entradas só permanecerá aberto para os accesos ao parking.

A suba ao Pontillón do Castro, a estrada PO-224, estará cortada desde o cruce coa EP-0018 en Santa María de Xeve, tamén entre as 08.30 e as 17.00 horas. A Policía Local recomenda, polo tanto, acceder a Cerponzóns, Verducido e Santa María de Xeve usando a estrada de Campo Lameiro e a Ponte das Palabras. A baixada desde Cerponzóns e Alba debe efectuarse evitando a N-550 e circulando cara á estrada de Vilagarcía.

A Ponte das Palabras pode empregarse tamén para o acceso a Monte Porreiro e Mourente, para o cal debe evitarse a avenida de Bos Aires. Outras alternativas son a entrada pola glorieta de Montecelo ou por Santa Margarida.

Todas as rúas que permanecerán pechadas o sábado estarano por formar parte do circuíto das carreiras a pé ou en bicileta, por razóns de seguridade. Os vehículos non poderán entrar nin saír dos garaxes nas rúas sinaladas. Do mesmo xeito, as prohibicións de estacionamento evitan posibles accidentes que se poidan causar por colisión dos ciclistas, que alcanzan grandes velocidades, cos coches que se atopen no percorrido da carreira. A Policía Local lembra que mover, modificar ou retirar un valado de entrada prohibida é sancionable con 3.000 euros de multa.

Os vehículos que estacionen nas zonas restrinxidas, pola súa parte, serán denunciados e trasladados polo guindastre municipal, o que supón o pago de 315 euros. Durante o xoves, no que comezaban algunhas restricións, foron retirados xa varios coches.

Estacionamento. A partir deste venres prohibirase aparcar en todo o circuíto
A partir das 15.00 horas deste venres quedará prohibido aparcar na marxe do río nas avenidas de Uruguai e das Corvaceiras, no tramo entre Benito Villamil e Rouco da Praza de Barcelos, na propia rúa Rouco, en Cobián Roffignac, Padre Amoedo, Perfecto Feijóo, Santa Clara, Cruz Vermella, Salustiano Portela Paz, Irmáns Sobrido Buhigas e Álvaro Cunqueiro, así como no tramo da Avenida de Bos Aires que vai da Ponte do Burgo á dos Tirantes, incluíndo o estacionamento interior da Facultade de Ciencias da Educación e excluíndo a fachada da Praza de Abastos.

Finalmente, desde as 22.00 horas restrinxirase o estacionamento nas rúas Alexandre Bóveda, Enxeñeiro Rafael Areses e Celso Emilio Ferreiro. Tamén quedará prohibido aparcar na Avenida de Compostela, nos viais do Campus Universitario e no estacionamento de autocaravanas.

Estas restricións súmanse ás que levan xa vixentes desde o xoves ás 15.00 horas: a Avenida de Bos Aires no seu tramo entre a Ponte dos Tirantes e a glorieta da Ponte das Palabras, a rúa Padre Fernando Olmedo ata a porta de acceso ao aparcadoiro do CGTD, Xosé Malvar Figueroa no tramo entre o cruce da Seca e a Ponte das Tirantes, a Travesía Bos Aires entre a glorieta interior da antiga Tafisa e a Avenida de Bos Aires e o propio estacionamento disuasorio da antiga Tafisa, anexo ao aparcadoiro de autocaravanas.

Preto de 20 rúas da cidade estarán pechadas o sábado ao tráfico rodado
Comentarios