martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

A previsión de ocupación hoteleira na comarca para a ponte do Pilar é do 53%

TURISTAS EN COMBARRO
Turistas este verán nunha terraza de Combarro, en Poio. RAFA FARIÑA (ARQUIVO)
Turismo Rías Baixas espera que os aloxamentos da capital do Lérez enchan a metade das súas prazas durante eses días

Os establecementos hoteleiros da comarca de Pontevedra agardan acadar unha ocupación media do 53% durante a vindeira ponte do Pilar. O Salnés é, non obstante, a zona na que se prevé unha maior actividade nos aloxamentos, pois alí a previsión é chegar ao 65% neses mesmos días.

Así o sinalan os datos que manexa Turismo Rías Baixas e dos que este xoves deu conta a presidenta da Deputación, Carmela Silva. De acordo coas mesmas previsións, para a comarca de Vigo espérase unha ocupación do 56%; para a do Morrazo do 40%; para a de Caldas do 38%, para Deza e Terra de Montes do 34%, para O Baixo Miño do 47% e para O Condado e A Paradanta do 28%.

A capital do Lérez, a cidade de Vigo e os concellos do Grove e Baiona volverán ser os principais polos de atracción de visitantes. Así, en base aos estudos feitos, o departamento turístico da Deputación prevé que os establecementos hoteleiros de Pontevedra capital enchan a metade das súas prazas durante a ponte do 12 de outubro, e que os da urbe olívica cheguen ao 62%, un punto máis que os de Baiona. No caso do concello meco, a previsión é chegar ao 58%.

A estimación para todo outubro é chegar a un 33% de media provincial

Máis alá da ponte, para todo o mes que acaba de comezar agárdase unha ocupación media nos establecementos hoteleiros da provincia do 33%.

Se se cumpren estas previsións, poríanlle a guinda a un verán de magníficos datos a pesar da pandemia. Durante a tempada estival o promedio nos hoteis do territorio provincial foi do 66%, 20 puntos por riba do rexistrado o ano pasado e soamente cinco puntos inferior ao alcanzada no 2019. Con estas cifras na man, a presidenta da Deputación resaltou a "resiliencia" deste destino e a súa "gran capacidade de recuperación".

De feito, todas as comarcas rexistraron un incremento con respecto aos mesmos meses de 2020. A de Pontevedra, por exemplo, chegou ao 72% (21 puntos máis que o ano pasado) e O Salnés acadou o 70% (22 puntos máis).

"Espectacular foi tamén a recuperación dos visitantes do Castelo de Soutomaior con respecto ao ano pasado", remarcou Silva. Este verán 18.263 persoas pasaron polas súas instalacións. En setembro foron 2.760, o que supón 1.125 máis que en 2020.


"Voten por 'Sigue o teu instinto" 
O vídeo da campaña turística da Deputación en 2020, Sigue o teu instinto, xógase o título de Mellor Película Turística do Mundo no Premio do Público do CIFF T (Comité Internacional de Festivais de Películas Turísticas). A presidenta provincial, Carmela Silva, fixo "un chamamento á cidadanía para pedir un gran favor para a provincia e para o noso sector turístico: voten o vídeo como se non houbera mañá", xa que, sinalou, "xogamos de novo na Champions League. Votándoo conseguiremos que o vídeo se vexa en todo o mundo e será unha campaña de promoción internacional que non teríamos recursos para acometer". As votacións abren este 1 de outubro e pecharán o vindeiro día 25 na web do CIFF T

Líder de categoría 
Agora Sigue o teu instinto lidera a categoría de Produto Turístico do CIFF T cos galardóns acadados co voto do xurado: 34 fronte aos 29 obtidos polo vídeo que ocupa o segundo lugar e os 25 do terceiro posto. O vídeo, producido por Esmerarte, segue a estela de Fame de experiencias?, que en 2020 obtivo 14 premios internacionais e foi o vídeo que obtivo máis puntos na categoría de Produto Turístico do CIFF T. Polo de agora xa acadou 8 galardóns.

A provincia superou o 52% en setembro, 23 puntos máis que en 2020

En setembro a ocupación media nos establecementos hoteleiros da provincia foi do 52,5%, o que supuxo 23,4 puntos máis que no 2020. Todas as comarcas superaron os resultados do ano pasado, con ocupacións do 62% na de Pontevedra (que rexistrou así 30 puntos máis que no mesmo mes de 2020), do 53,4% no Salnés (25,2 puntos máis) e do 49% no Morrazo (13 puntos máis).

No que respecta aos datos dos concellos que máis visitantes reciben, en setembro Vigo rexistrou unha ocupación do 74%, Pontevedra do 73%, Baiona do 67%, Sanxenxo do 52% e O Grove do 52%.

TURISMO RURAL. As casas de turismo rural tiveron de media en setembro unha ocupación do 46%, 17 puntos máis que o rexistrado no mesmo mes de 2020. Neste caso destaca a comarca de Caldas, que acadou un 62% (19 puntos por riba do último ano). Pola súa banda, os campings chegaron ao 25%.

En canto ao perfil das persoas que acudiron ás Oficinas de Turismo Rías Baixas, procederon na súa maioría de España (90%) e, en concreto, de Madrid, Barcelona, Biscaia e Asturias. No que respecta ás estranxeiras (10%) proviñan maioritariamente de Portugal, Alemaña, Francia, Estados Unidos e Italia.

A media de idade dos viaxeiros situouse entre os 35 e os 60 anos e permaneceron na provincia entre 7 e 15 días.

A previsión de ocupación hoteleira na comarca para a ponte do Pilar...
Comentarios
ç