A primavera electoral, presente nos maios

O CEP Marcos da Portela acada o primeiro premio ao mellor maio e á mellor interpretación ▶Os nenos e nenas do CEIP Froebel gañan nas categorías de cantigas e coroas, ademais de levar o galardón especial

Festa dos maios. JAVIER CERVERA (6)
photo_camera Algúns dos participantes na festa dos maios. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Ai, maio, maio maiolo/ ai, maio non veñas solo/ trae contigo pola man/ o noso mes de San Xoán". O cantor Marcelo Dobode inauguraba na mañá deste mércores a tradicional festa dos maios na Praza da Ferraría cunha copla popular propia desta celebración. A primavera electoral centrou a meirande parte das letras que interpretaron os pequenos na Praza da Ferraría, mais houbo tamén oco para temas da actualidade local.

A encargada de ler o pregón da festa foi a profesora Victoria Ogando, docente xubilada do IES Valle Inclán que impartía clases de galego. A mestra aproveitou a súa presenza na cita para agradecer o convite e recordar que en 1998 foi Antón Fraguas, homenaxeado no próximo Día das Letras Galegas, o encargado de dar a benvida a maio. Fíxoo aos seus 92 anos, "un ano e medio antes de morrer", explicou Ogando.

►Consulta aquí la lista completa de premiados y las mejores imágenes de la cita

Do mesmo xeito, leu algúns dos poemas que os poetas galegos lle teñen adicado a esta época do ano e explicou que a orixe dos maios se remonta á época prerromana. Tamén recordou algúns dos proxectos que puxeron en marcha mestres ou cidadáns pontevedreses vencellados co mes de maio. Así, falou do éxito do programa Ben veñas, maio, que leva 26 anos en marcha animando aos mozos e mozas de Educación Secundaria a empregar o galego. Tamén se referiu á asociación Maio longo, que toma como nome un famoso poema de Rosalía de Castro.

Para rematar, Ogando fixo súas as palabras de Álvaro Cunqueiro e pediu mil primaveras máis para o galego. "Nenos e nenas, nas vosas mans queda", concluíu.

Tras a intervención de Victoria Ogando foi o momento de que os pequenos subiran ao escenario a amosar os maios, as coroas e as letras das súas coplas. Un dos temas que tivo máis protagonismo durante a xornada do mércores foi a sucesión de citas electorais que teñen lugar ao longo desta primavera. "Chega o ano trinta e cinco do maio da Cultural; Sánchez quixo celebralo cun gran ano electoral", cantaban os nenos e nenas da Asociación Cultural e Deportiva de Campañó, que recordaban os seus 35 anos participando neste concurso. "Con tanta elección xunta parece que están de coña, canto muro empapelado con caras de senvergoñas", cantaban os cativos da Asociación Cultural e Deportiva de Marcón. Pola súa banda, os nenos e nenas de San Xulián amosábanse preocupados. "Moito aspirante a político, a formación non importa, se fose por oposición non pasaban nin da porta", cantaban. "O PP descalabrado, Ciudadanos vai co vento, Vox buscando algún atallo, a dereita vai caendo", analizaban tamén os nenos e nenas do CEP Marcos da Portela, que acompañaron a súa actuación con intérpretes de lingua de signos.

Os alumnos do CEIP de Barcelos centraron as súas coplas en pedir que quiten do seu patio un transformador eléctrico

Porén, os pequenos atoparon moitos máis asuntos dos que falar nas súas coplas, como o cambio climático ou a violencia de xénero. Así, a rapazada de Campañó cantaba: "Cada ano hai máis mortes de mulleres por maltrato, non remata esta praga e seguimos sen castralos".

Os nenos e nenas do CEIP de Barcelos aproveitaron para pedir melloras no seu centro e enfocaron o seu maio na petición de que se retire un transformador do interior do recinto do centro. "Non queremos ser pesados co tema do transformador, nós seguimos esperando que o trasladen ao exterior", entoaban recordando que o dito aparello sufriu unha avaría en decembro e rebentou.

Houbo cantigas adicadas á actualidade local, como a dos mozos de Marcón que se referiron ás reformas no Mercado. "A nosa Praza de Abastos agora parece un chiste, xa non cheira nin a peixe, está quedando moi hipster", cantaban.

OS PREMIADOS. Os pequenos do CEIP Froebel centraron as súas letras no cambio climático e na actualidade local e acadaron o premio na categoría de mellores cantigas. En segundo lugar quedou o CEP Marcos da Portela, seguido do CEP Campolongo e a Asociación Cultural e Deportiva de Marcón.

O CEIP Froebel acadou tamén o premio á mellor coroa. En segundo posto quedaron os nenos de Marcón e, en terceiro e cuarto, Os de Campañó e os do CEP Marcos da Portela.

Na categoría de mellor maio, os gañadores foron os pequenos do CEP Marcos da Portela. Os nenos de Campañó, Marcón e do CEP Campolongo ocuparon os seguintes postos do podio. Tamén os nenos do citado colexio de Monte Porreiro acadaron o primeiro premio á mellor interpretación. A medalla de prata foi para o equipo do CEIP Froebel e, a de bronce, para a Asociación Cultural e Deportiva de Campañó. En cuarto lugar quedaron os pequenos de Marcón.

Houbo tamén un premio especial do xurado que foi para a rapazada do CEIP de Barcelos e o premio especial dos maios recaeu no equipo multipremiado do CEIP Froebel.

A xornada en Poio Gran colorido en Combarro e na Seca

A Festa dos Maios é un dos grandes acontecementos da primavera non só na capital pontevedresa, senón tamén noutros concellos da bisbarra, como é o caso de Poio. Así quedou patante, un ano máis, na xornada do mércores, na que as celebracións foron por partida dobre.

Pola mañá, a explanada da Seca acolleu o tradicional certame, no que tomaron parte once colectivos, dez dos cales animáronse a competir nas seis categorías propostas polo Concello: Mellor conxunto, Coplas, Actuación, Maio, Coroa e Barco. Vilariño e Marepodium foron dous dos grandes triunfadores.

Con respecto a Combarro, o certame impulsando polo colectivo Ateneo Corredoira tamén contou cunha grande participación.

Comentarios