martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

A primeira fase do paseo peonil entre Pontevedra e Marín estará lista este ano

As autoridades supervisan o estado das obras do paseo entre Pontevedra e Marín, na mañá deste xoves. GONZALO GARCÍA
As autoridades supervisan o estado das obras do paseo entre Pontevedra e Marín, na mañá deste xoves. GONZALO GARCÍA

O seguinte tramo, que pivotará sobre o mar, será executado a principios do 2021

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o tenente de alcalde, Tino Fernández, e os concelleiros de Obras e de Urbanismo, Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, acompañaron na mañá deste xoves ao delegado do Goberno, Javier Losada, na visita ás obras de ampliación do paseo peonil entre Mollabao e O Cabo. Durante a visita, tanto alcalde como delegado do Goberno coincidiron en que este proxecto responde a unha demanda histórica da veciñanza e situaron a data de finalización da obra completa na primavera do vindeiro ano.

A visita realizouse á primeira fase do proxecto, que se atopa xa moi avanzada e que se prevé estea finalizada a finais de ano. Trátase da pasarela peonil con carril bici de 1.200 metros que entronca coa zona do paseo xa construído na cidade e que chega ata Mollabao.

O segundo tramo, que se executará o vindeiro ano, dá continuidade ata Praceres e consistirá nunha pasarela metálica de 800 metros que pivotará sobre o mar. Segundo explicou Javier Losada, "esta é a parte máis complicada e, neste momento, estase estudando o replantexo para atopar unha solución adecuada e cumprir os prazos establecidos na adxudicación".

Pola súa banda, Lores manifestou a súa "satisfacción" polo avance da obra "nun prazo razonable de tempo" e salientou a importancia desta actuación para "gozar dun espazo natural importantísimo e seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas de Pontevedra".

O alcalde fixo fincapé en que este proxecto complementa as actuacións xa realizadas con anterioridade para recuperar espazos naturais relacionados tanto coa ría como co río Lérez o que permite dispoñer de máis de 15 kilómetros de paseo desde preto de Bora ata a conexión da pasarela peonil existente ata Marín. "É un luxo para todos os pontevedreses" asegurou e insistiu en que "ademais necesario, dunha banda para disfrutar dos nosos espazos naturais e doutra para realizar unha actividade física que é fundamental nunha sociedade que cada vez se move máis por outros métodos". Fernández Lores aproveitou para poñer en valor a necesidade de "realizar desprazamentos máis naturais que implican estar loitando contra o cambio climático e a redución de emisións".

Ademais dos beneficios que esta actuación achega para a calidade de vida dos pontevedreses e pontevedresas, o alcalde tamén salientou "a xeración de actividade económica nuns momentos complicados nos que é moi necesario, e polo tanto seguiremos traballando conxuntamente para que o investimento público sexa o máximo posible para reactivar a economía e xerar actividade e emprego para todos".

O proxecto conta cun investimento de 2,5 millóns de euros por parte do Ministerio para la Transición Ecológica e, unha vez executado, completará dous quilómetros de paseo marítimo entre a cidade e O Cabo.

A primeira fase do paseo peonil entre Pontevedra e Marín estará...
Comentarios