Primeira fornada de talentos do Garaxe Hermético

Os alumnos da escola de Kiko da Silva presentan este mércores os seus traballos de fin de curso no Pazo da Cultura
Os alumnos que presentan os seus traballos de fin de curso
photo_camera Os alumnos que presentan os seus traballos de fin de curso

O Garaxe Hermético, a Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración de Galicia fundada por Kiko da Silva, está a piques de cumprir catro anos dende a súa inauguración. Este curso remata a súa formación a primeira xeración, que presentan este mércores ao público os seus traballos de fin de curso no salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra dende as 12.00 ata as 13.00 horas. «O curso desenvólvese durante dous anos nos que lles ensinas todo o relacionado coa profesión, a versión realista, e no terceiro ano eles desenvolven un proxecto integramente deseñado por eles, co fin de inserirse no mercado laboral», indica Kiko da Silva.

Comezaron o curso sendo once e tan só chegaron ata aquí tres: Fonso Barreiro, Ánxela López e Andrés Laxeira. Un deles comenta que «debuxar non é algo co que naces, pódese aprender, só hay que ter ilusión e ganas de traballar». Kiko da Silva engade que «isto é cómic polo que o máis importante non é saber debuxar, senón saber contar historias. Como di Miguelanxo Prado, é unha selección natural. Moita xente empeza con ganas, e seguen a pesar de que é duro e difícil, e outros din que é moi complicado e o deixan».

A entrada para a presentación deste mércores é de balde, e o público asistente recibirá como agasallo un exemplar de ‘A vila dos debuxantes do norte’, un cómic a todo color de 64 páxinas encadernado en cartoné e realizado polos alumnos do curso 2013-14.

Comentarios