Pasaron dous meses e medio desde que Luis López (Rodeiro, 1978) tomou posesión como presidente da Deputación de Pontevedra, cargo que combina co de presidente provincial do PP. Neste tempo xa se empezaron a notar os primeiros cambios na institución.
En que se diferencia esta Deputación da que houbo nos últimos oito anos?
No fondo e nas formas. Esa é a primeira seña de identidade que nos diferencia: a cercanía coa que nós traballamos con todos e a ausencia total de sectarismo. No anterior mandato, a presidenta Carmela Silva non visitou en oito anos a máis do 10% dos concellos; e iso, na nosa folla de ruta, non está baixo ningún concepto.
Esta semana enviou unha carta aos 61 alcaldes da provincia na que plasmou a aposta do seu Goberno de investir en todos os concellos.
Os alcaldes e alcaldesas da provincia saben que eu son un municipalista convencido. Os concellos van ser os verdadeiros protagonistas. E ese protagonismo radica en dotalos de máis fondos para que poidan atender as necesidades que se lles plantexen. A carta enmárcase dentro dunha lóxica comunicación; o que fago é tender a man para manter reunións con todos os alcaldes e amosar o espíritu de colaboración absoluto.
E como se vai articular esa relación da Deputación cos concellos?
Hai unha serie de alcaldes que xa solicitaron reunións de xeito formal, o primeiro deles o de Pontevedra, e xa tivemos un encontro con el. Esa vai ser a tónica.
Como se van distribuír os fondos provinciais entre os concellos? Vanse manter programas que estaban en marcha? O PSOE reclama que se apliquen criterios obxectivos...
Esa obxectividade da que fala o PSOE é de cara á galería, porque eles tiñan un plan ao que si lle atribuían toda a obxectividade, pero logo sacábanse outros da manga nos que obxectividade brillaba pola súa ausencia. E iso está en cifras. A propia expresidenta da Deputación, antes das eleccións municipais, foi por todas as comarcas dando datos de investimento en cada concello e vese unha discriminación total. Estamos falando, sen ir máis lonxe, de que o Concello de Vilagarcía, o terceiro máis importante da provincia, tivo unha inversión duns 65 euros por habitante, cando outros tiveron 500. O que eles denominaron ‘Plan Concellos’ foi para blanquear ou dar forma a esa "obxectividade", pero logo outros plans carecían dela. Xa cando estabamos na oposición viñamos solicitando que había que dotar aos concellos de máis fondos e así o imos facer agora.
E para repartilos vaise volver ao modelo que había con Louzán?
Non, non. Aínda estamos na fase de elaboración dos orzamentos, que queremos que entren en vigor a 1 de xaneiro, e aí é onde se vai ver reflectido todo. Ademais, quero que sexan os alcaldes e alcaldesas os primeiros en saber como vai ser todo o reparto de fondos.
E está definido que porcentaxe do orzamento provincial se vai destinar aos concellos?
Non, porque aínda hai unha situación de provisionalidade en canto ás transferencias que nos vai facer o Estado e, polo tanto, tampouco podemos definir as porcentaxes. E para nós tamén é importantísima a captación de fondos europeos, pero para plans potentes. Ata agora viña financiación para plans que non eran suficientemente ambiciosos; pero nós queremos pensar ao grande.
Analizar o estado financieiro da Deputación foi unha das súas primeiras medidas e, tras facelo, sinalou que o estado no que o anterior Goberno deixou as arcas provincias é preocupante...
Preocupante no marco do Orzamento, porque nos atopamos con que hai partidas que están case esgotadas. Ademais, vese que o gasto se fixo coincidindo co período anterior ás eleccións municipais. E iso déixanos moi comprometidos para realizar moitas accións nos catro meses que quedan de ano. Aínda así, estamos facendo auténticos malabares con modificacións de crédito, rascando onde sexa para atender necesidades básicas. Por exemplo, aquí en Pontevedra, o alumeado do campo de fútbol de Príncipe Felipe non se repoñía e era insuficiente. E nós articulamos unha modificación de crédito na que se incluían 100.000 euros para iso.
As deputacións están para atender as necesidades dos concellos pequenos, pero no seu Goberno, as dúas vicepresidencias están para atender as dúas cidades máis grandes da provincia. Como é iso?
Non é cuestión de atender máis nin menos ás cidades ou aos concellos pequenos e mediados. A provincia confórmana 61 concellos e eles no seu conxunto van ser os protagonistas da acción do Goberno. E en canto á configuración do meu equipo, teño ao mellor. O que me coñece sabe que eu non son solista, senón que creo no equipo, por iso cando foi o momento de designar ás vicepresidencias, outorgueillas aos voceiros dos grupos do PP en Pontevedra e en Vigo por todo o que lle poden aportar á provincia no seu conxunto, máis alá do que poden aportar a estas dúas cidades.
Os mandatos anteriores distinguíronse por eixos como o feminismo, o plan de residuos, a memoria histórica... Cales son os eixos da Deputación de Luis López?
Nós non somos curtoplacistas á hora de definir cara a onde ten que ir a Deputación. Cremos que debemor ir máis alá, independentemente de quen vaia gobernar despois de 2027. Dito isto, a nosa liña mestra son os concellos, o tecido asociativo e tamén hai outras materias que iremos desgranando.
Esta mesma semana a Deputación anunciou o cese de Xosé Manuel Rey como director do Museo e o nomeamento de Ángeles Tilve. Cal é o motivo dese cambio?
Eu iso enmárcoo dentro da normalidade e lixitimidade que che dá o feito de chegar a unha institución e marcar unha folla de ruta en todo aquelo que ten que ver coa alta dirección. Unha vez que gozamos da confianza maioritaria dos veciños de Pontevedra, que nos permite chegar ao Goberno da Deputación por maioría, temos unha folla de ruta no Museo e sabemos o que queremos del. E se para iso tes que prescindir dunha persoa e confiarlle a outra esa folla de ruta, iso entra dentro desa lóxica; pero pasa no mundo da administración, no empresarial... Dito isto, eu quero agradecer o traballo do anterior director, que fixo un bo traballo. E penso que o nomeamento de Ángeles foi un acerto total. É unha persoa da casa, que leva máis de 35 anos no Museo, é a primeira muller directora do mesmo... Estou tremendamente satisfeito e vai ser un éxito para esa perspectiva que lle queremos dar ao Museo, de modernización e de apertura á cidadanía.
E vai haber máis cambio de cargos noutros servizos?
Se queres marcar unha folla de ruta en servizos ou áreas, iso loxicamente ten que conlevar cambio de persoas.
Esta nova folla de ruta para o Museo descarta adicar o convento de Santa Clara a albergar os fondos arqueolóxicos, como plantexaba o anterior Goberno?
Nós non descartamos nada. Como todo proxecto, hai que ir madurándoo e dándolle forma. De feito, Rafa Domínguez xa avanzou que ao mellor había que plantexarse realizar certos cambios nalgunhas cousas, que é o que se está analizando para que se vaia definindo un camiño no que queremos contar con expertos, coa cidadanía... E aí é onde imos traballar nos próximos meses.
E para restaurar o convento van seguir co proxecto dos arquitectos Nieto e Sobejano, que foi o que gañou o concurso convocado polo anterior Goberno?
Na esencia sí, outra cousa é que haxa determinadas cuestións, sexan espazos, enfoques ou usos, que poidas darlle unha volta.
No último tramo do mandato anterior, logrouse a transferencia á Xunta do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería. Agora que a sintonía do seu Goberno co Executivo galego é moito mellor que a que tiña Carmela Silva, vai perseguir a transferencia doutros servizos provincias que quedaron pendentes, como Príncipe Felipe, Mouriscade, Areeiro...?
Para nós o importante non é a compoñente ideolóxica das outras administracións, pero para o anterior equipo de Goberno da Deputación era determinante. Se non eras dos deles, xa non abrían ningunha vía de colaboración nin nada. A nivel de deputacións e Xunta pódense facer infinidade de colaboracións e débense aproveitar as administracións independentemente da súa cor política. Sobre posibles transferencias, se iso é de interese para a provincia e para Galicia, son cousas para as que debemos sentarnos e traballar nelas. Esa é unha das moitas reunións que teño pendentes e, chegado o momento, será unha cuestión que trataremos.
"A situación do PP na provincia é óptima e vai seguir medrando"
Como presidente provincial do Partido Popular, soplánronlle xa cando van ser as eleccións autonómicas?
Esa é unha decisión que vai depender única e exclusivamente do presidente Alfonso Rueda e vaina tomar pensando só nos galegos.
Na última convocatoria a urnas, ao PP non lle foi mal na provincia de Pontevedra. Que resultado espera para as autonómicas, sexan cando sexan?
A nivel de provincia estamos tendo un claro ascenso. Demostrouse nas municipais, nas xerais... E é a tónica que percibimos na rúa. Aquí estamos en condicións de ter un ascenso que nos permitiría apuntalar eses once deputados dos 22 que temos.
Nas municipais o PP gañou as eleccións en concellos especialmente importantes, por exemplo Pontevedra ou Vilagarcía, pero non gobernou. Que van facer para chegar a poder gobernar nas próximas?
Ao PP esíxeselle, non só a matrícula de honra, senón a excelencia. E iso pasa por obter a maioría absoluta, senón automaticamente os do outro bando non teñen reparos en xuntarse dous, tres ou catro, como no caso de Cambados, cun cuatripartito que non vai funcionar nin de broma. Acadar maiorías absolutas é a meta na que nós traballamos e na que mantemos a folla de ruta que nos permitiu ter 25 alcaldías na provincia. Polo tanto, para o ano 2027 ese vai ser o obxectivo. En maio, o PP tivo uns excelentes resultados en Pontevedra, en Vigo Abel Caballero baixou en 20.000 votos, en Vilagarcía fomos a lista máis votada, en Redondela quedamos a nada da maioría e gobernamos en moitos concellos de máis de 20.000 habitantes. Estamos nunha situación óptima que vai seguir medrando.
Os vindeiros días 27 e 29 son as votacións no Congreso dos Deputados. Cre posible a investidura de Feijóo como presidente do Goberno?
Eu creo no sentido común e no que me gustaría. E non porque Alberto Núñez Feijóo sexa do meu partido, senón polo ben de España. Cando digo que creo no que me gustaría é que creo que Feijóo é o presidente que necesita o país nestes momentos.
"Entre o Concello de Pontevedra e a Deputación prima a lealdade institucional"
Na súa reunión co alcalde de Pontevedra falaron dunha serie de cuestións para a cidade nas que ambos coincidiron bastante. Quedou algunha pendente?
Entre o Concello de Pontevedra e a Deputación prima a lealdade institucional e iso plasmouse na reunión e plásmase no día a día. Falamos dos proxectos que temos en común, como o Museo, Santa Clara, a colaboración da Deputación se a cidade volver albergar algunha proba do calado da Final de Tríatlon, do campo de fútbol de Salcedo, da Xunqueira de Alba, da posibilidade de realizar infraestruturas... O entendemento entre administracións é fácil cando o que prima é sacar proxectos adiante.
Esa cordialidade que existe co Concello de Pontevedra non a hai co de Vigo. O primeiro conflicto xa estoupou a conta da sede da Deputación na cidade olívica...
O comezo non foi bo. Un desafiuzamento exprés como o que nos fixeron non é comprensible e, a priori, mostra ás claras a verdadeira intención do Concello de Vigo. Pensan que desaloxando á Deputacón de Vigo nos fan un mal a nós, pero a quen lle están facendo mal é aos vigueses. E podían volver atrás esa decisión, pero non a corrixiron. Con todo, nós somos xente de tender a man e esperamos que as relacións co Concello teñan unha normalidade. O que pedimos é que o grao de colaboración coa Deputación sexa o mesmo que tiveron os oito anos anteriores con Carmela Silva.
Antes das eleccións municipais, vostede pensaba que o PP ía acadar maioría absoluta para gobernar a Deputación?
Eu sempre dicía que era difícil pero non imposible e os que pasamos por procesos electorais varias veces sabemos que en política non se pode dar nada por feito. Hai multitude de exemplos. En base a iso, desde o PP provincial traballamos cun claro obxectivo de recuperar a Deputación, fixemos un traballo moi intenso para darlle continuidade ao que viña facendo Alfonso Rueda e logramos uns resultados que nos permitiron obter esa maioría e que o PSOE baixara catro deputados. Iso tamén é un sinal de que a xente tiña ganas de cambio. As políticas do anterior Goberno da Deputación foron claramente erróneas e a cidadanía castigounos.