Seis pontevedreses contan o primeiro que farán cando acabe a corentena

Dende abrazar a amigos ata ir ao salón de peiteado, dende tomar algo nunha terraza a asistir a concertos, estas seis persoas explican que é o que máis botan en falta durante o confinamento
Bea Campos. DP
photo_camera Bea Campos. DP

"En realidade, eu o único que quero é recuperar a miña vida normal", di Bea Campos. "Porque sabes de que me decatei con todo isto? De que me gusta a miña vida". A actriz e contadora ten clarísimo o primeiro que fará cando remate a corentena. "O día que a porta se abra vou ir correndo ver aos meus avós. E vou ir sachar na horta coa miña avoa", di. "Quéroos moito e só penso en poder ir darlles un abrazo". Tamén ten ganas de recuperar as actuacións en vivo, "véndolle a cariña aos nenos e nenas", e de poder compartir o tempo de lecer cos amigos e coa familia.

A psicóloga Beatriz Millán recomendaba, entre os consellos que ofrecía no Diario de Pontevedra do 27 de marzo para sobrelevar o estrés da corentena, apuntar as cousas que faremos cando remate o estado de alarma decretado trala expansión do coronavirus. Seis pontevedreses préstanse a facer ese exercicio. Eles botan en falta dende dar abrazos ata ir a ao salón de peiteado.


Gerardo Lorenzo (empresario)

"Visitar Madrid"

O empresario Gerardo Lorenzo, que pasa o confinamento en Pontevedra ocupádose de seus pais, di que o primeiro que fará será recuperar o seu paseo diario pola Alameda, "y vuelta hasta el Cristo del Buen Viaje de Santa María". Di que hoxe o ve "casi como un paseo de libertad". O segundo que quere facer é ver e abrazar á familia e aos amigos íntimos. "Quiero tomar un café con todos y saber cómo están", indica. "Y, por último, lo siguiente que me gustaría hacer es volver a Madrid, mi segunda casa, una ciudad muy querida que ha sufrido muchísimo. Tengo muchas ganas de reencontrarme con mi familia y mis amigos de allí".


Meli Fandiño (xornalista xubilada)

"Pasear con miña nai"

A xornalista xubilada Meli Fandiño recoñece que non pensara moito en que fará cando remate a corentena porque cre que esa data non está preto. "Non fixen plans, pero sei seguro que entre as primeiras cousas estará coller á miña nai, que ten 93 anos, e dar un bo paseo, longo e tranquilo, que nos faga esquecer toda esta porcallada que nos tocou vivir. Aínda que non sei moi ben por onde. Quizais por Pontevedra, quizais pola praia da Lanzada... Seguramente nos decantemos por isto último".

Meli Fandiño tamén ten moitas ganas de ir ao salón de peiteado ("a poñer mechas moi loiras") e de ir ao cine ("e ver unha película, se pode ser española, en pantalla grande nunha sala escura"). Finalmente, tamén quere ir de compras por Pontevedra. "E probablemente merque un bo colchón. Estes días comprobei que, cando non se dorme ben, é importante ter un bo colchón para descansar".


Xaime Toxo (escritor e presidente do Ateneo)

"Recuperar os afectos"

O presidente do Ateneo de Pontevedra, o mestre e escritor Xaime Toxo, conta que o primeiro que fará será recoñecer dalgunha maneira, a título persoal, "o tremendo traballo que fixeron os servizos públicos que nos atenderon a todos". Aínda non decidiu como o fará exactamente, pero faráo.

"Quizais lle achegue un pequeno agasallo aos servizos de urxencias, ou a un centro de maiores... Pero necesito facer algo nese sentido. Sinto que temos unha débeda con toda esta xente que nos mantivo en pé". Xaime Toxo ten ganas tamén "de volvernos sentir uns aos outros, de recuperar os afectos físicos, o contacto humano, a cercanía, as miradas aos ollos sen unha pantalla de por medio, a proximidade real". Igualmente quere recuperar canto antes a actividade do Ateneo ("e imos empezar organizando encontros para reflexionar sobre todo isto") e o contacto directo coa natureza. "Apetéceme saír da gaiola e ir ao monte a fundirme con el".

Diana López Varela (xornalista e guionista)

"Correr ao aire libre"

A xornalista e guionista Diana López Varela o que quere "é ir tomar algo á Praza da Verdura coas miñas amigas e ir cear á Praza da Leña". Di que bota en falta estar ao aire libre e ao sol, entre moita xente. "Mira que me gusta cociñar, pero agora mesmo estou fartísima. En canto poida, creo que vou comer todos os días fóra".

Tamén ten claro que aproveitará para volver a un concerto en canto se poida ("que ganas de música en directo, de soltar enerxía e deixarse levar!") e de facer exercicio ao aire libre. "Correr. En canto poida, sairei correr. E apuntareime a algunha carreira popular".

Santiago Paredes (debuxante e músico)

"Ensaiar"

O debuxante e músico Santiago Paredes con quen quere comer, en canto poida, é con seus pais. "Estar sentado na mesa cos meus pais e coa miña irmá e poder abrazarnos e bicarnos é do que máis ganas teño". Despois quere ensaiar coas súas bandas, Thee Blind Crows e The Lelli Kelly's. "O segundo do que teño máis ganas: ir ao local a facer un pouco de ruido, aínda que non sexa para preparar nada, só para desfogar, para matar o bicho.

E para rematar, está desexando ir dar unha volta pola zona vella. "Saír pola tarde a tomar unha cervexa e ver a quen atopas. A Pontevedra todo isto rouboulle a vida, porque é unha cidade que vive na rúa. Hai que recuperala".

Comentarios