O primeiro pontevedrés nacido en 2021 chámase Tristan e pesou 2,95 quilosx

Non deixou que os proxenitores tomasen as uvas, pero a cambio o seu pai terá dereito a 16 semanas de permiso 
Silvia García Mirón. Jorge Campaña e Tristan, no Hospital Provincial. DP
photo_camera Silvia García Mirón. Jorge Campaña e Tristan, no Hospital Provincial. DP

Con 2,95 quilos e 49,5 centímetros nacía Tristan nos primeiros intres de 2021, ás 2.13 da madrugada do 1 de xaneiro, no Hospital Provincial de Pontevedra. Converteuse así no primeiro bebé dun 2021 ao que se lle puxeron as expectativas moi altas e, alomenos para Silvia García e Jorge Campaña, os pais da criatura, está cumprindo con elas. "Estamos cansos e contentos, cunha mestura de emocións; é duro ver que ela está sufrindo para dar a luz e ti non sabes moi ben que facer", contaba o pai dende o hospital.

Así, á ledicia de ser pais, súmase a entrada en vigor do permiso de paternidade de 16 semanas para os pais dos nenos e nenas nacidas no ano que acaba de comezar. Jorge Campaña terá dereito a el por cuestión de dúas horas, xa que a data na que saía de contas a nai era o 28 de decembro. "Unha vez chegamos ao hospital eu quería que fose canto antes, porque a vía a ela sufrir e quería que fose un parto rápido", contaba este venres pola mañá o pai. As primeiras contraccións comezaron na xornada do 31 de decembro e, ás 16.00 horas, a nai ingresaba no Hospital Provincial para dar a luz. Dez horas despois nacía Tristan, o primeiro fillo da parella. As vieiras, o boi e as zamburiñas que pensaban cear na Noitevella volveron ao conxelador coa chegada das contraccións. A parella tiña previsto pasar a noite en solitario, sen reunirse con máis familiares, para evitar posibles contaxios. "Pero ao final non puidemos tomar as uvas, este ano foi diferente e raro ata para iso", bromea Jorge Campaña a través do teléfono.

O parto foi natural e a propia Silvia indicou que axudou a sacar o bebé coas súas mans. Jorge, pola súa parte, cortou o cordón umbilical. Do persoal de Maternidade do Chup destacan a súa profesionalidade. "As matronas e xinecólogos foros todos moi atentos con nós", explicaba o pai só unhas hoas despois do parto.

A nai saía de contas o 28 de decembro, pero Tristan fíxose esperar ata as 2.13 horas do 1 de xaneiro do esperado 2021

Neste inicio de ano, Tristan é tamén un símbolo de esperanza e de vida despois duns meses especialmente duros nos que a morte estivo demasiado presente. "Está claro que o é, e tamén para nós como parella supón un cambio radical, sobre todo nos primeiros anos, logo xa virá connosco de viaxe e de concerto", conta o seu pai.

Os primeiros días dos bebés nados na era covid son moi diferentes aos dos nenos e nenas que non naceron nunha pandemia. As visitas estarán limitadas e o illamento será maior. "Non podemos deixar que o collan no colo e teremos de buscar unha forma segura para que os avós poidan coñecelo", explicaba o pai. Un desexo para 2021 pode ser, daquela, que Tristan chegue a coñecer o antes posible un mundo no que os abrazos non sexan un risco.

Comentarios