Os primeiros camiñantes de 2020

Eder e Lucio Vale e Sofia e João Oliveira son catro dos sete primeiros peregrinos que se hospedaron no Albergue de Peregrinos nun ano que promete ser de récord para o Camiño
Eder e Lucio Vale, á esquerda, e João e Sofia Oliveira, á dereita, onte, no Albergue de Peregrinos de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Eder e Lucio Vale, á esquerda, e João e Sofia Oliveira, á dereita, onte, no Albergue de Peregrinos de Pontevedra. DAVID FREIRE

O 2020 comezou para Lucio Marcelo e os seus dous irmáns cun reencontro e unha viaxe. Foi a oportunidade para reunirse os tres irmáns Vale e o Camiño Portugués a Santiago está a ser o enclave no que se produce a reunión. "Eu xa fixera o Camiño Francés hai anos, no Xacobeo 1999, e pensei que, como a data que mellor nos viña para vernos era xaneiro, podiamos facer o Camiño Portugués", explicaba Lucio Vale este martes á súa chegada ao albergue de Pontevedra. Os tres irmáns viven en diferentes puntos xeográficos, en dous estados do Brasil e, o terceiro, en Singapur. Por iso o Camiño a Santiago foi o punto medio que elixiron para verse no comezo de 2020.

Dous grupos de irmáns empezan ano no Camiño de Santiago

O seu camiño comezou o mesmo día 1 de xaneiro, desde a cidade portuguesa de Oporto. "Eu sempre lles falei aos meus irmáns do Camiño como algo moi interesante e mesmo no inverno estamos tendo moitas alegrías, a pesar do frío", conta Lucio Marcelo, que califica a experiencia do camiño como "óptima". En canto ás diferenzas entre o Camiño Portugués e o Francés, que coñece da súa anterior experiencia, sinala que nota menor afluencia no que pasa pola cidade de Pontevedra, "aínda que tamén pode deberse á época do ano". Isto facilita tamén que os irmáns poidan ter longas conversas e reflexionar sobre a vida xuntos, un dos principais obxectivos que tiñan para este encontro.

Aos tres irmáns Vale –"facémonos chamar Los Tres Vale", apunta Eder– sumóuselles o martes outro par de irmáns, esta vez chegados de Lisboa, que estrearon o 2020 no albergue de Pontevedra. Trátase de Sofia e João Oliveira, que comazaron o seu Camiño o pasado luns en Valença do Minho. "Este era un reto, unha forma de gañar en superación e foi idea do meu irmán, que suxeriu facer esta viaxe", explica Sofia.

O voluntariado do albergue xa notou un repunte de visitas en 2019

Polo de agora, a experiencia está sendo positiva, aínda que hai momentos de cansanzo. "Levamos camiñando dous días e é certo que por momentos estás cansa, pero temos ben claro o noso obxectivo de chegar a Santiago de Compostela este venres", conta Sofia, que agradece o bo tempo destes días. Ambos os dous irmáns trabaron amizade cun terceiro peregrino procedente tamén do Brasil, que na tarde de onte descansaba no albergue.

Foron sete os peregrinos que se aloxaron este martes na citada pousada, un número pouco habitual nestas datas, tal e como explica o voluntariado do centro, que estivo pechado durante o Nadal. "O normal é que en xaneiro non chegue ningunha persoa nuns días, pero xa o ano pasado notamos un repunte espectacular de peregrinos e, canto máis se achegue o Xacobeo 2021, imaxinamos que o número vai seguir crecendo", contaba este martes unha das voluntarias, que se amosaba feliz por dar proxección á cidade de Pontevedra, pero tamén a Galicia en xeral, grazas a un percorrido tan especial para quen o fai. O Xacobeo 2021 quece motores xa en 2020. O albergue de Pontevedra é a proba.