Primeiros trazos dalgunhas das mulleres que fixeron Pontevedra

O Concello inaugurará o vindeiro xoves o mural no que representa a taxistas, aviadoras, represaliadas, mestras ou escritoras da cidade

Amalia Bóveda pintou a figura da súa nai. CEDIDA
photo_camera Amalia Bóveda pintou a figura da súa nai. CEDIDA

Os esbozos das mulleres protagonistas do mural do proxecto A Memoria das Mulleres xa poden verse no edificio da rúa Poza dos Canos, xunto ao parque Amalia Álvarez e a Travesía da Eiriña. O Mural das Mulleres inaugurarase o vindeiro xoves, nun acto que terá lugar ás 19.00 horas e no que participará o ata agora edil de Patrimonio e Memoria, Luís Bará, que se despide neste acto do seu labor como concelleiro.

Algúns dos familiares das homenaxeadas, ademais da veciñanza do barrio, puideron comprobar este sábado como evolucionaban os traballos de realización do mural, a cargo dos artistas de Polo Correo do Vento e Rei Zentolo. Un bosquexo de Amalia Álvarez preside a obra, acompañada da mestra e escritora María Victoria Moreno. Nun dos extremos da superficie, Cinta Rey aparece xunto ao piñeiro no que seu fillo, Víctor Casas, foi fusilado na Caeira, recordando a fotografía tomada pola xa mencionada Amalia Álvarez, viúva de Alexandre Bóveda.

JAVI Acto con las familias de las mujeres homenajeadas en el mural 'Mulleres de Pontevedra na historia'. En la Rua dos Canos (continuacion de la travesia de A Eiri..a, pegado al parque de Amalia Alvarez). Sera la despedida simbolica de Bara como concelleiro.

A filla do matrimonio, Amalia Bóveda, estivo este sábado presente no acto, no que puido pintar parte do retrato da súa nai. Xunto a ela, no acto participaron familiares doutras seis mulleres que están reflectidas na obra. Así, estiveron presentes parentes de Carmen Durán, empresaria de Autocares Viúda de Cándido, que aproveitaba os autobuses para levar comida para presos do Franquismo; da mestra Ernestina Otero, nada en Redondela pero pontevedresa de adopción; de María Victoria Moreno, homenaxeada na anterior edición do Día das Letras Galegas; de Clara López, propietaria dos coñecidos Almacenes Clarita, e de Mercedes Ruibal, pintora emigrada a América.

No acto participaron familiares de sete mulleres da historia que están reflectidas na obra, entre elas Amalia Álvarez

Ademais, no acto do sábado participou tamén a única muller viva que aparece representada no mural, Nené González, activista pola defensa da ría de Pontevedra e contra a presenza de Ence en Lourizán.

Os membros de Polo Correo do Vento explicaron, no roteiro ofrecido contra o mediodía, que o deseño está estruturado en tres escenarios: o mar, o espazo urbano e o agro. Neles vanse plasmando imaxes representativas das mulleres que os habitaron. Do mesmo xeito, os integrantes deste colectivo recalcaron que aínda que as diferentes protagonistas están recollidas con diferentes tamaños por cuestións estéticas, todas, tamén as anónimas, teñen a mesma importancia.

Así, a finalidade do mural non é só a de embelecer a cidade, senón tamén dar a coñecer as figuras de mulleres relevantes na historia de Pontevedra, un obxectivo que vén perseguindo o proxecto A Memoria das Mulleres dende a súa creación. Por iso, os nomes das 23 mulleres representadas aparecerán nunha lista xunto ao mural para que a cidadanía poida identificalas.

Comentarios