Os produtos do Mercado de Abastos serán enviados a domicilio en transporte sostible

A través da plataforma online ponteabastos.com os clientes poderán recoller as compras no local de PonteAbastos, no primeiro andar da Praza, ou recibilas a domicilio. A entrega na casa farase con moto eléctrica e mediante a empresa Pedaleando
Os produtos do Mercado de Abastos serán enviados a domicilio. CEDIDA
photo_camera Os produtos do Mercado de Abastos serán enviados a domicilio. CEDIDA

Nun contexto de incremento da demanda de negocios abertos ao mercado online e trala boa experiencia que as compras por teléfono tiveron no Mercado de Abastos de Pontevedra durante o confinamento, a Concellería de Promoción Económica e Turismo decidiu dar un paso máis nesta dirección e apoiar a posta en marcha da nova plataforma telemática ‘www.ponteabastos.com'. A iniciativa, impulsada por Jorge Eyo, pretende adaptar a oferta da Praza ás novas necesidades e tempos que corren, poñendo os seus produtos frescos á distancia dun ‘click’ e achegándoos aos fogares do municipio a través de medios de transporte sostibles.

Tódolos clientes que accedan á páxina atoparanse unha división por actividades dentro do Mercado, cos apartados de ‘Froitería’, ‘Carnicería’ e ‘Peixería’, tendo a posibilidade de acceder aos diferentes artigos, que irán acompañados dunha pequena descrición e a indicación do praceiro/a que os puxo á venda. Unha vez elixido o produto, en función do seu tipo, poderase mercar por cantidades ou unidades. “Por exemplo, se entras en ‘Carnicería’ atoparaste dende os filetes de polo que vende ‘La Boutique de Celia Abal’ até o solombo de porco que vende ‘Carnicería María’. No que atinxe ás cantidades, pois haberá opcións como elixir un quilo de tomate ou unha lubina de 0,8 quilogramos”, explica Jorge Eyo.

Os seguintes pasos serían a validación do pedido e o pago do mesmo a través da pasarela de pago da que disporá a propia páxina. Neste proceso, tamén se poderá elixir entre recibilo na casa á hora que se desexe ou ben recollelo na sede física de PonteAbastos, situado no primeiro andar do edificio da rúa Serra (opción ‘Click and Collect’). Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “o noso obxectivo principal é poder achegar o produto fresco que se comercializa no Mercado aos nosos clientes, pero ao mesmo tempo lograr que a xente continúe a vir á Praza e poida tomarse algo no espazo gastronómico ou simplemente dar un paseo polas instalacións”. “Queremos ampliar opcións e que vir ao Mercado non se perda”, apunta Blanco.

MOTO ELÉCTRICA É PERIFERIA. Os repartos dividiranse en franxas horarias, tanto de mañá como de tarde, e levaranse a cabo en motocicleta eléctrica, en bicicleta ou andando, respectando ao máximo o medio ambiente A motocicleta empregarase para  “chegar a puntos da periferia de Pontevedra e xerar así novos clientes potenciais”.

Jorge Eyo ten a intención de que a iniciativa se poida poñer en funcionamento no mes de setembro, unha vez que presenten en Sanidade toda a documentación necesaria “e eles a acepten e nos validen o Rexistro Sanitario”.

Segundo subliña, o proxecto espertou un enorme interese entre os vendedores do Mercado e, se ben empezarán a traballar cunha decena de negocios, “pouco a pouco iranse engadindo a tódolos interesados, englobando o maior número de postos posibles”. “En froitería -indicacontaremos con ‘Pablo y María’ e ‘Loli’; en peixes e mariscos, con ‘Pescadería Cachadas’, ‘Pescadería Lolita’, ‘Pescadería Rocío’, ‘Pescadería Dopazo’ e ‘Mariscos Loli Loureiro’, e en carnicerías, con ‘La Boutique de Celia Abal’ e ‘Carnicería María’”.

Yoya Blanco asegura que o servizo permitirá controlar en todo momento a elección dos produtos, o empaquetado e o transporte dos mesmos, “axudando a todas esas persoas que non poden acudir tódolos días ao Mercado, xa sexa por traballo, tempo ou distancia, a desfrutar do marabilloso xénero que se comercializa na Praza de Abastos”. 

Comentarios