Os profesionais pontevedreses, ante o reto de xerar confianza no usuario para que volva consumir

Apostan por potenciar a marca comercial #PonteLovers
Reunión telemática organizada pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers
photo_camera Reunión telemática organizada pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers

O segundo encontro de profesionais liberais organizado pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers puxo de manifesto a necesidade de establecer redes e sinerxias de colaboración, de reinventarse e diversificarse profesionalmente —en especial no que atinxe ao comercio e servizos online— e de simplificar os trámites burocráticos necesarios para a posta en marcha dun negocio, así como de establecer fórmulas que permitan a conciliación. "Hai que xerar confianza no usuario, que ten que volver mercar e consumir. Neste sentido, unha das ideas que máis se repetiu foi a de desenvolver un selo ou marca de negocio seguro a nivel sanitario", explicou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, nun comunicado.

Na reunión telemática participou o veterinario Alberto Silva, vicepresidente da Confederación Española de Veterinarios, quen deixou ben claro que, para a formación en materia sanitaria e de seguridade contra a covid-19, resulta vital que se conte activamente con estes profesionais para formar a asociacións de comerciantes e hostaleiros.

Por outra banda, propúxose potenciar a marca comercial #PonteLovers e que o "paraugas" da plataforma Reinicia Pontevedra permita xerar sinerxias e patrocine as colaboracións entre empresas.

Comentarios