miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

Os profesores da cidade xa non agardan aos 65 anos para xubilarse

A profesora Pilar Lores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A profesora Pilar Lores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Este curso xubílanse 86 docentes en Pontevedra, 62 en colexios e 24 en institutos

O profesorado dos centros educativos pontevedreses non adoita esperar a soplar as 65 candeas para deixar atrás pupitres e pizarras. A maioría opta por acollerse á xubilación voluntaria, unha posibilidade que pode elixir a partir dos 60 anos e segundo a cantidade de anos cotizados.

Non son poucos os docentes que escollen esta vía, dado que moitos dos que agora encaran a época do retiro empezaron a dar aulas moi novos, moitos deles mesmo estreando a vintena, e levan catro décadas ao pé do canón ensinando a varias xeracións de escolares.

Así, aínda que se dan casos de profesores que estiran a súa vida laboral ata os 70 anos, a media de idade de xubilación en Pontevedra neste gremio está este curso nos 63, na mesma liña que os últimos anos. Este xuño no municipio dixeron adeus ás aulas dos institutos 24 profesores e 16 deles non chegaran a cumprir os 65.

Así mesmo, nos colexios de Infantil e Primaria houbo 62 xubilacións e o promedio de idade está nos 62 anos. Destes, só oito tiña 65 anos ou máis e o resto son retiros voluntarios.

ENVELLECIDOS. Esta fervenza de xubilacións coincide con tres anos consecutivos de convocatorias de oposicións para mestres e profesores de Secundaria, dado que os equipos docentes están claramente envellecidos. Así o confirma tamén o Informe 2018 sobre el estado del sistema educativo difundido hai uns meses polo Ministerio de Educación, que recabou datos referidos ao curso 2015-2016.

A media de idade está en 63 anos

Este traballo, que desglosa a información por comunidades autónomas, conclúe que o 46% dos profesores de Secundaria en Galicia teñen 50 anos ou máis o que supón que máis de 5.000 profesionais están a menos de 15 anos da xubilación dun plantel total de 12.500. De todas as comunidades españolas, só Asturias presenta un panorama máis avellentado, unha situación que a nivel da Unión Europea só é similar en sete países, a maioría deles do Este.

Os parámetros de Primaria son semellantes, xa que o corpo de mestres galego é o terceiro máis envellecido de España, pero os maiores de 50 anos non superan o 40% do plantel. Os menores de 30 anos non chegan ao 6%.

Pilar Lores: "O agasallo máis grande foi chegar a Monte Porreiro"

JAVI CEP Marcos da Portela (Monte Porreiro): repor con Pilar Lores, profe que se xubilaPilar Lores despídese estes días do CEP Marcos da Portela. Xubílase con 60 anos, despois de 39 de traballo como mestra. Os últimos 21 estivo en Monte Porreiro e entre 2004 a 2017 exerceu como directora. "Non o tiña moi claro, porque estaba a gusto, porque hai dous anos que deixara a dirección, que implicaba un plus de esforzo, e dedicábame só a dar clase", no seu caso de Música. Pero "os anos pesan e circunstancias familiares tamén me animaron a xubilarme".

Foi mestra de Primaria "moitísimos anos" ata que a súa praza foi suprimida e se especializou en Música. "Grazas a iso cheguei a Monte Porreiro", onde viviu un dos momentos máis determinantes da súa carreira, a fusión entre o CEP Monte Porreiro, onde estivo ata ese momento, en 2006, e o CEP Paio Gómez Charino. "Daquela a matrícula baixara e o barrio non daba para dous colexios". O primeiro "é moi grande e daquela estaba totalmente infrautilizado". A Inspección propuxo fusionalos e destinar o Gómez Charino ao alumnado de Infantil, "que ía á vella escola dos Campos, en moi malas condicións".

Pilar foi desde o principio unha firme defensora desta proposta, pero "houbo moitas dificultades, moita xente á que convencer de que iso ía ser positivo e moitas opinións en contra, pero ao final o tempo deunos a razón". Así naceu o CEP Marcos da Portela e o outro colexio reconverteuse na EEI Fina Casalderrey. "Costounos moito convencer ás familias de que os nenos ían estar mellor e que se ía acabar a rivalidade, pero hoxe, 13 anos despois, ninguén se acorda" daqueles dous colexios. "Todo o barrio pensa que o seu cole é o Marcos da Portela". 

O que Pilar lembra con máis cariño das catro décadas como mestra foi "chegar ao barrio; este foi o meu agasallo máis grande. Monte Porreiro deume moitísimo a nivel laboral e quizais o que máis levo dentro é o cariño das familias. É algo inesquecible, especial, co que non contaba, porque eu só fixen o meu traballo. Chégame moi adentro".

Durante a súa traxectoria, sempre tivo "moi claro" que a escola "tiña que ser un ente aberto ás familias, porque somos unha comunidade educativa e a escola é de todos. Para que nos queiran téñennos que coñecer, estar aquí". Isto foi difícil de conseguir cando a fusión, pero hoxe "as familias entran con naturalidade" no centro. "Seguen loitando polo cole, pero quizais aquel espíritu de unidade, de solidariedade e colaboración que había hai dez anos se está perdendo".

O cambio do alumnado foi radical, "para ben e para mal". "Os rapaces de hoxe en día teñen tantos intereses externos que a escola ten que avanzar moito ou non os enganchamos. A tecnoloxía está tan presente na súa vida que o que nós lles ofertamos lles queda lonxe. Suponlles un esforzo ter que ler e escribir. Están no mundo da inmediatez". Tamén houbo cambios positivos, como que "os nenos de agora saben de moitas cousas e teñen a mente moito máis aberta". Como mestra de Música lamenta que esta materia siga relegada. "Non se decatan do importante que é para os nenos, porque fomenta emocións positivas, pero tamén é fundamental para as demais materias. Se basearan os seus coñecementos na música iríalles mellor nas demais asignaturas".

Luis Pereiro: "Agora é moito máis duro estar nas aulas"

Luis Pereiro.Luis Pereiro é dos profesores que se xubilan este fin de curso aos 62 anos, no seu caso despois de 36 en activo. A maioría deles, 27, pasounos no IES Luís Seoane, onde agora pon fin á súa traxectoria laboral.

"Custa decidirse, porque é un cambio, toda a vida aí, pero algún día ten que ser", sostén. Había catro anos que se creara o instituto de Monte Porreiro cando el chegou e o barrio "non tiña nada que ver co que é na actualidade". A principal transformación que sufriu o centro veu derivada de pasar de impartir só Formación Profesional a acoller Bacharelato e Educación Secundaria. "Viña moita xente de fóra e agora case toda é de aquí".

O mellor de ser profesor todos estes anos foi "o trato cos alumnos", aínda que o recordo máis grato foi a participación do alumnado no Club de Debate, co que seguirá colaborando, durante dez anos. "Foi o que máis satisfaccións me deu. Ver que alumnos de barrio, algo acomplexados, podían competir con rapaces do centro, do Sánchez, do Valle... E sempre con bos resultados. De dez anos levamos participando seis seguidos na fase final galega. Estou orgulloso do traballo feito xunto con outros profesores".

A súa última actividade académica foi, precisamente, unha excursión á Coruña co alumnado do Club de Debate o pasado xoves.

É obvio tamén que o estudantado cambiou moito nestas case catro décadas. "Sobre todo nos cursos baixos, agora é moito máis duro estar nas aulas. Non foi o meu caso, pero moita xente xubílase aos 60, en parte, porque hai moita presión na aula á hora de aguantar a pais e a rapaces. Hai rapaces afeitos a que na casa lles dean sempre a razón, iso foi a peor". É por iso que, afirma, "a inmensa maioría do profesorado coincidimos en que a educación nas casas deixa moito que desexar".

Nesa transformación tamén tiveron un papel importante as novas tecnoloxías, tamén grazas ao programa Abalar, "porque tes outra maneira de enfocar as materias", pero os rapaces "case todos naceron cos móbiles".

Pereiro sempre impartiu aulas de Lingua Galega. "Nos últimos anos houbo un retroceso moi grande de galegofalantes", lamenta. "Estase rompendo a transmisión interxeracional e cada vez hai moitos menos rapaces que falan galego e no medio urbano a caída é aínda maior". Afirma que o decreto do plurilingüismo da Xunta, que lle deu máis protagonismo ao inglés, "reduciu as horas de clase de galego". Deste xeito, "hai unha mala prensa, moitas veces interesada" contra esta lingua. "Estase falando moito do exame de selectivo, que se en Galicia temos as notas máis baixas, se é por culpa do galego... E non é así. Non se xoga con desvantaxe, porque en Euskadi e Cataluña teñen as súas propias linguas e non se critica".

Despois de 36 anos ao pé do canón, agora espera "colaborar algo máis nas cousas da casa... Non son dos que se aburre. Saio a correr, leo moito, veño as miñas series de televisión, volverei coller a guitarra eléctrica para torturala un pouco máis... E a cámara de fotos. E ademais quero aprender un pouco máis de inglés. O inverno é moi longo".

Os profesores da cidade xa non agardan aos 65 anos para xubilarse
Comentarios