Apego, os mestres Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e a Galipedia, premios Xoán Manuel Pintos 2018

Os galardóns, sen dotación económica, entregaranse nun acto público o 15 de marzo no Pazo de Mugartegui

Festa do programa Apego na illa das Esculturas. J. CERVERA
photo_camera Festa do programa Apego na illa das Esculturas. J. CERVERA

O programa Apego, unha iniciativa de promoción do galego dirixida a nenos de entre 0 e 6 anos, que involucra ás familias e no que participan 30 concellos galegos; os mestres Vitoria Ogando e Anxo González, responsables da web de ferramentas para o ensino galego.eu, e a Galipedia, a versión en galego da enciclopedia on-line de contido libre Wikipedia, son os gañadores dos premios Xoán Manuel Pintos 2018.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, anunciou, xunto a algúns dos membros do xurado do certame, o nome dos galardoados este ano con estes premios do Concello de Pontevedra que recoñecen o traballo a prol do uso do galego.

O Apego recibirá o galardón na categoría de traballo recente, os mestres farano no de traxectoria e a Galipedia recibirá o premio do público, que se concede por primeira vez nesta edición. Os galardóns, sen dotación económiga, entregaranse nun acto público o 15 de marzo no Pazo de Mugartegui.