O programa 'Coñece o teu Camiño' inclúe cinco espectáculos na provincia

O Rosal, Barro, Portas, Catoira e Soutomaior acollerán eventos que combinan unha proposta infantil de Barafunda e outra de folclore tradicional a cargo de diferentes agrupacións
undefined
photo_camera O delegado da Xunta (centro) e representantes da Asociación Interfolk, o martes, na presentación da actividade. XUNTA

O programa cultural Coñece o Teu Camiño, da Xunta de Galicia, desenvolvido en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, incluirá cinco espectáculos "baseados na tradición e nas rutas xacobeas" na provincia de Pontevedra. Anunciouno o martes, no edificio da Administración Autonómica en Campolongo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado por representantes da Asociación Cultural Interfolk, promotora da actividade.

Segundo informou a Xunta, o proxecto Coñece O Teu Camiño configúrase como un evento transversal que mestura un espectáculo infantil a cargo da compañá Barafunda Animación, "centrado na peregrinaxe do Camiño e o Océano Atlántico", e unha actuación de folclore con música e danza tradicionais. Nesta última participan a Asociación Folclórica Corisco, a Banda de Gaitas Xarabal e a Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas.

A entrada aos espectáculos é de balde

AGOSTO. A xira de Coñece O Teu Camiño pola provincia de Pontevedra terá lugar durante todo o mes de agosto e nos primeiros días de setembro. Arrancará este sábado, 7 de agosto, na Praza do Calvario do Rosal e continuará no Pazo da Crega de Barro o sábado 28 de agosto; no Auditorio de Portas o domingo 29 deste mes, e no Auditorio de Catoira o sábado 4 de setembro, para rematar ao día seguinte na Alameda Talo Río de Soutomaior.

"Todas as actuacións comezarán ás 20.00 horas e cumprirán os protocolos e medidas de seguridade sanitaria fronte á covid-19 incluíndo control de accesos e aforos, rexistro de asistentes, medidas hixiénicas e emprego de máscaras, entre outras", informou a Xunta. A entrada aos espectáculos é de balde.

"Estamos absolutamente comprometidos co Xacobeo 2021-2022 tanto pola súa importancia intrínseca como polo seu enorme valor como ferramenta de reactivación socioeconómica pola crise sanitaria da covid-19", dixo Luis López, en palabras facilitadas pola Xunta. "Por elo, estamos a difundilo e a estendelo por todo o territorio da nosa comunidade, con máis de 400 eventos dende o pasado ano, para universalizar aínda máis o Camiño de Santiago e seguir favorecendo que os galegos sintan o Ano Santo como algo propio".