O programa Educación Responsable chega ao Marcos da Portela

O centro é un dos 14 colexios galegos que participan nunha iniciativa impulsada pola Fundación Botín que incide na formación do profesorado e na posta en marcha de actividades na aula para traballar nos eidos da educación afectiva e social e da creatividade de cara a mellorar a convivencia na escola
A clase de 2º C coa súa mestra, Ángeles Viéitez
photo_camera A clase de 2º C coa súa mestra, Ángeles Viéitez

Controlixo, curaplantas, coidaterras, naturpílulas, aperforte... Son algúns dos "remedios para curar a terra" que ofrece A botica das palabras, unha sorte de expositor situado no vestíbulo do CEP Marcos da Portela, moi preto dun colorido mural que lembra ás obras do pintor estadounidense Sol Lewitt e doutro que loce unha estrela dourada.

O colexio de Infantil e Primaria de Monte Porreiro é un dos dous seleccionados na provincia -xunto co CEP Antonio Magariños de Cambados- para desenvolver, durante este curso, o programa Educación Responsable. Trátase dunha iniciativa promovida pola Fundación Botín, dirixida á comunidade escolar e que conta co apoio da Xunta. Incide na formación do profesorado e na posta en marcha de actividades para traballar nos eidos da educación afectiva e social e na creatividade. O obxectivo é mellorar a comunicación e a convivencia escolar.

Dos 335 escolares deste colexio pontevedrés, case a metade (uns 150 rapaces e nove clases de 2º, 3º e 5º de Primaria) participa nesta iniciativa con algúns dos recursos que ofrece o programa e coa implicación de seis mestres.
 

A formación que reciben os mestres convérteos en especialistas de cada un dos recursos que forman o programa: banco de ferramentas, lectura e emocións, coro de emocións, Reflejarte e literatura, emocións e creatividade

 

O programa implántanse en cada centro ao longo de tres anos. No primeiro ano a Consellería, a través do equipo de expertos creado a tal efecto, forma en liña a un grupo de profesores dos centros integrados nesta iniciativa. No segundo ano, a través de grupos de traballo creados en cada centro, os docentes formados comparten a aplicación con outros compañeiros. E finalmente, no terceiro ano de implantación, cada colexio, implicando a totalidade do profesorado, aplicará de forma intensiva o programa. Isto é, cada centro traballa no proxecto co fin de que, logo de tres anos, estea en disposición de darlle continuidade de forma autónoma.

HABILIDADES. María del Carmen Hermida, xefa de estudos, é a "alma mater" do programa no Marcos da Portela, segundo a definen varias compañeiras. "No primeiro trimestre abordamos o desenvolvemento emocional, no segundo o desenvolvemento cognitivo e no terceiro o desenvolvemento social".

O programa ensina aos rapaces a coñecerse e confiar en si mesmos, comprender aos demais, recoñecer e expresar emocións, desenvolver o autocontrol, aprender a tomar decisións responsables, valorar e coidar a súa saúde e mellorar as súas habilidades sociais.

A formación que reciben os mestres convérteos en especialistas de cada un dos recursos que forman o programa: banco de ferramentas (ideas e propostas para a promoción do benestar a través de soportes audiovisuais e técnicas de traballo en grupo), lectura e emocións (libros, actividades e estratexias), coro de emocións (canto coral que, independentemente do talento musical, fomenta o desenvolvemento emocional, social e a creatividade), Reflejarte (utilización da arte e as exposicións para potenciar a autoestima, a empatía e a creatividade) e literatura, emocións e creatividade.
 

"A terra ten que estar sa para que vivamos nela", "porque si se contamina nos morimos", "enfermamos, no respiramos bien"... Os alumnos lanzan as súas frases como unha batería de ideas, pero os seus proxectos non quedan en palabras ocas

 

Isma, Yaiza, Ana Uxía, Alba e Juan Carlos teñen oito anos e cursan 3º de Primaria. Son os autores do mural elaborado no apartado Reflejarte. "Como a nuestra profe le gustaba mucho el arte decidió que fuera sobre Sol Lewitt, un pintor muy famoso que hacía murales", explica, resolto, Isma. Os pais botaron unha man para crear un collage a base de fotografías, debuxos e información sobre as súas obras. Fixérono, apuntan, despois de dar forma, eles mesmos, a unhas instrucións que indicaran como facelo, "por ejemplo, dividir un folio en cuatro, pintar un cuadro...", señala Alba. "Con las mismas instrucciones cada uno tiene una idea distinta", apostilla Yaiza. Outro grupo pintou un sol na parede do patio coas súas propias mans.

O alumnado de 5º apuntouse ao coro das emocións e preparou unha canción que a final de curso, segundo está previsto, interpretará en público no colexio.

MELLORAS. Na clase de 2ºC están moi concienciados sobre a saúde, tanto da súa propia como da do planeta, e así o reflectiron en sendos murais. "A terra ten que estar sa para que vivamos nela", "porque si se contamina nos morimos", "enfermamos, no respiramos bien", "tenemos que plantar plantas para respirar aire puro y mantener limpia el agua", "si no se nos cae el pelo y nos duele la barriga", "tampouco podemos ir en coche a todos os sitios", "tengo que dormir más y ver la tele menos", "y ser responsables", "correr, saltar, jugar al fútbol", "comer froita"... Os alumnos lanzan as súas frases como unha batería de ideas, pero os seus proxectos non quedan en palabras ocas.

Alí mesmo teñen inventos como o ‘curaherbas’ de Lía, un poema nunha botella; o ‘controlixo’ de Sabela, que aposta pola reciclaxe; o ‘curaplantas’ de Carla ou o ‘matabichos’ de Darío. "Non, non, aquí o de matar e morrer non nos gusta", intervén a mestra. "Mellor ‘protexefollas’".

Cristina é mestra de Inglés e de Plástica, ademais da bibliotecaria do centro, polo que a literatura e as emocións son os recursos que traballa cos seus alumnos. "Estamos traballando co libro ‘A que sabe a lúa’ e aprenden os nomes dos animais e dos alimentos en inglés a través de láminas e dun xogo de bolos de cores.

O programa foi avaliado de forma externa pola Universidad de Cantabria, que constatou as melloras experimentadas polo alumnado participante de cara a evitar problemas como o consumo de drogas, ademais de potenciar a convivencia escolar, diminuír os niveis de violencia e ansiedade, favorecer o comportamento asertivo ou reducir os síntomas asociados á depresión infantil e xuvenil. Tamén se produciu unha correlación positiva entre o clima escolar e os resultados académicos ao mellorar a comunicación entre profesores e alumnos.

Comentarios