Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Programa Eureka ou como enriquecer o alumnado con altas capacidades

O grupo de rapaces que participou no proxecto xunto co cartel da película que crearon. OLGA FERNÁNDEZ
O grupo de rapaces que participou no proxecto xunto co cartel da película que crearon. OLGA FERNÁNDEZ

Un grupo de dez escolares pontevedreses de entre sete e doce anos creou unha película de ciencia ficción como proxecto final dun proceso que traballa a intelixencia emocional

"Pola súa capacidade non sempre son comprendidos; debería haber máis proxectos deste tipo", afirma Ana Carballal, directora da empresa Anias, encargada de desenvolver o Programa Eureka, que cumpre cinco anos traballando a prol do enriquecemento do alumnado con altas capacidades.

Eureka parte da atención ás intelixencias múltiples e ten como finalidade atender as necesidades educativas e psicosociais destes escolares. "Consideramos que o motor da aprendizaxe debe partir da implicación dos rapaces e das rapazas e, para que esta implicación sexa real e significativa, entendemos que se lles debe proporcionar un espazo libre e enriquecedor que permita a toma de decisións flexible, a superación de retos, a investigación, a adquisición de habilidades e a resposta a necesidades individuais e grupais", explica Carballal.

Tendo en conta este feito e as posibilidades das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), "partimos do seu aproveitamento para a construción dun espazo de comunicación fluída no que elaborar un proxecto común", que este curso foi unha película, Planeta ranopla: odisea sin conexión. A estrea tivo lugar o pasado luns no Teatro Principal ante un auditorio composto por familiares e amigos dos dez rapaces que forman o grupo deste curso, que estudan Primaria e Secundaria en distintos colexios da cidade. Teñen entre sete e doce anos e cada tarde de venres participaron neste programa no CEIP Praza de Barcelos.

Con eles, man a man, estiveron a pedagoga Gemma Moledo e a psicóloga Carmen Somoza. "Tamén contaron co apoio de Cris e Belén, na parte técnica, para elaborar a película", apunta Ana. No filme tocaron todos os paus. "Foron actores e actrices, pero tamén elaboraron o guión, fixeron a montaxe... O importante non foi o resultado final, senón o proceso". Trátase dunha historia de "intergalácticos, con moitos efectos especiais, con buracos negros... Todo forma parte da súa imaxinación e os adultos tratamos de participar o menos posible".

"Os colexios deberían ter programas adaptados a rapaces coma eles"

Os aspectos xenéricos que trataron foron a cooperación e o traballo en equipo, porque "sumando esforzos chegamos máis lonxe e as dinámicas que se xeran nun equipo contribúen tamén ao desenvolvemento individual"; a autoestima, para aprender a xestionar os fracasos e os éxitos na vida; o autodescubrimento ("traballar na idea de que o alumnado debe procesar as experiencias, vivilas, e aprender a xestionalas de maneira cada vez máis autónoma") e a creatividade, é dicir, "favorecer que dispoña de recursos e ferramentas para que integre unha visión creativa no desenvolvemento dos traballos e as actividades en xeral".

A estes aspectos súmanse o pensamento diverxente ("aprender a buscar múltiples solucións alternativas") e o crítico, para reforzar a capacidade de cuestionar de xeito razoado e argumentado o establecido socialmente.

Este programa de apoio e enriquecemento está destinado a alumnado de Primaria e ESO en coordinación cos orientadores dos colexios, que lle fan a proposta ás familias. "Os pais deciden se os apuntan ou non. Levamos cinco anos co proxecto e pasamos de cinco a dez rapaces", subliña Carballal, quen avoga por que "os colexios deberían ter programas adaptados a rapaces de altas capacidades, pero non sempre teñen os suficientes recursos para atendelos axeitadamente". O éxito é claro. "É un programa voluntario que ofrece a posibilidade de facer algo complementario" ao currículo escolar "e son moitos os que repiten. Cada un fai o que sabe e teñen liberdade creativa".

Programa Eureka ou como enriquecer o alumnado con altas capacidades
Comentarios