O programa Impulsa forma a cen mulleres en liderado

► A iniciativa da Xunta ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das galegas
Evento de peche e entrega de diplomas celebrado o sábado no programa Impulsa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Evento de peche e entrega de diplomas celebrado o sábado no programa Impulsa. GONZALO GARCÍA

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou o sábado na xornada de peche e entrega de diplomas do programa formativo Impulsa promovido pola Xunta de Galicia para fomentar o liderado feminino e a mellora da empregabilidade das traballadoras en sectores emerxentes.

Con este evento concluiu a formación que se impartiu a 100 mulleres de modo virtual entre o 7 de marzo e o 12 de maio, a través de obradoiros, masterclasses e sesións de networking e coaching individual para apoiar a mulleres cunha cualificación media "con gañas de crecer, xerar cambios e empoderarse para seguir mellorando profesional e persoalmente", indicou Mancha.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade desenvolve esta acción para mellorar a empregabilidade das mulleres galegas e orientalas profesionalmente a sectores emerxentes que precisan de persoal cualificado. O programa, neste senso, cumpriu cos cinco obxectivos dos que partía: impulsar o proceso de cambio e crecemento persoal e profesional das participantes; desenvolver competencias e habilidades brandas (liderado, comunicación, intelixencia emocional...); traballar obxectivos en base á filosofía SMART e como desenvolver un plan de acción para crecer profesionalmente; coñecer ferramentas para a xestión da tensión e mellorar o benestar no traballo; e crear unha rede de mulleres para compartir e crear sinerxías.

"Con esta iniciativa, a Administración autonómica involucra ás participantes nun proceso de cambio e aprendizaxe en áreas persoais e profesionais, e lles brinda recursos e ferramentas para o seu crecemento profesional e persoal", puxo en valor a directora xeral.

As beneficiarias desta iniciativa recibiron o sábado cadanseus diplomas que acreditan o aproveitamento da formación. Durante 20 horas de aprendizaxe, abordáronse, entre outras temáticas, medidas para o autocoñecemento e liderado, claves para mellorar a comunicación na contorna laboral, a intelixencia emocional, a felicidade no traballo ou para mellorar a xestión do estrés.

A directora xerente da Fundación Pública da Formación para o Traballo (Funtraga), Rosanna López Salgueiro, tamén cualificou de "rontundo éxito" esta nova convocatoria do programa Impulsa e mostrouse moi satisfeita co seu desenvolvemento e cos resultados acadados, destancado que as propias participantes lle trasladaron o positivo que foi para elas participar nesta actividade.

A formadora e directora do Proxecto Impulsa, Eliana Oliveros, foi a encargada de impartir a charla motivacional e conducir o networking guiado para fomentar o coñecemento e a xeración de redes.

Comentarios