ARCO loitará contra o fracaso escolar en 16 colexios e IES de Pontevedra

A iniciativa ARCO, que busca fomentar o éxito escolar e previr o absentismo estará presente en 205 centros educativos da provincia
Niños a la salida del colgio Praza de Barcelos, incluido en la iniciativa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Nenos entrando no CEIP Praza de Barcelos, incluido na iniciativa. GONZALO GARCÍA

Un total de 205 centros educativos da provincia, 16 deles do concello de Pontevedra, foron admitidos na Iniciativa ARCO 2020-2021, o programa de apoio, reforzo de competencias e orientación, segundo a resolución publicada na web da Consellería de Educación este venres.

A iniciativa, dirixida a alumnado matriculado en centros docentes públicos, consta de tres liñas que desenvolverán axustes educativos dentro da aula ordinaria, co obxecto de favorecer a súa participación no grupo-clase e a consecución do máximo desenvolvemento emocional, intelectual, social e profesional de todo o alumnado.

A Liña 1 está dirixida a alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria, a Liña 2, a alumnado de 1º de ESO e a Liña 3 a estudantado de 4º da ESO. Esta iniciativa será financiada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e cofinanciada polo Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación FSE Galicia 2014-2020.

Os colexios de Pontevedra admitidos na Liña 1 son os CEIP de Parada-Campañó, A Xunqueira I, San Benito de Lérez, Vilaverde-Mourente, Manuel Vidal Portela, Froebel, San Martiño, Praza de Barcelos, Cabanas e Santo André de Xeve, así como os CEP Marcos da Portela e Campolongo. En canto aos institutos, desenvolverán esta iniciativa nas liñas 2 e 3 os IES A Xunqueira I e II e o Frei Martín Sarmiento, mentres o IES Luís Seoane o fará só na Liña 2.

Así mesmo, tamén están incluidos centros educativos da área de influencia da capital, como tres colexios de Marín (Ardán, Laxe e Sequelo), os CEIP Isidora Riestra e Lourido, de Poio, así como o propio IES de Poio (nas liñas 2 e 3).

Outros centros da comarca son o CEIP Manuel Cordo Boullosa, de Ponte Caldelas, os colexios de Riomaior e O Toural (Vilaboa), o IES de Cotobade, ou os sanxenxinos CEIP Portonovo, Nantes e A Florida e o IES de Sanxenxo.

Así mesmo, figuran na resolución o CEIP Manuel Padín Truiteiro e o IES de Soutomaior e, pola beira do Umia, os CPI Don Aurelio de Cuntis, Santa Lucía de Moraña e Alfonso VII de Caldas, así como o CEIP Amor Ruibal de Barro.

A media xornada: 543 docentes para toda Galicia
A Consellería desenvolve nos centros educativos accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación "para continuar traballando polo fomento do éxito escolar e a prevención do absentismo e o abandono escolar temperá", explica a resolución.
Destinaranse, para toda Galicia, 221 docentes para a Liña 1; 161 para a Liña 2 e outros tantos para a 3, todos eles a media xornada e como máximo a cada centro asignarase un mestre.

Comentarios