O programa Saúde na Rúa clausura a súa primeira edición cunha sesión en Santa María de Xeve

Tino Fernández avanza que “dado o éxito da iniciativa”, destinada a combater o sedentarismo nesta época de restricións sanitarias, o proxecto “terá continuidade en máis barrios e parroquias”
Saúde na rúa

A parroquia de Santa María de Xeve acollerá o vindeiro sábado 10 de outubro ás 17.00 horas a sesión de clausura da primeira edición do programa Saúde na Rúa, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde en colaboración coa asociación Fai Deporte co obxectivo de reiniciar a práctica de actividade física ao aire libre en barrios e parroquias de Pontevedra e combater o sedentarismo nesta época de restricións sanitarias.

O evento require de inscrición previa, polo que tod@s aqueles interesad@s en participar deberán apuntarse a través do teléfono 672 63 23 60 ou da dirección de correo ‘[email protected]’. Ademais de desenvolverse en grupos reducidos, dun máximo de 10 persoas, a sesión contará unha vez máis con medidas de seguridade como o pintado de parcelas individuais no chan, a toma de temperatura dos asistentes e o uso de xel hidroalcólico, e no caso de choiva, instalaranse pequenas carpas.

Nesta actividade, a última dun ciclo de catro que xa pasou antes por Estribela, Monte Porreiro e Ponte Sampaio, impartiranse aulas das máis variadas disciplinas, cunha duración que irá en función das persoas que se inscriban (finalizando en torno ás 20:00 horas). Saúde na Rúa ten un carácter inclusivo, está pensado para que poida participar todo o mundo, efectuando unha actividade física moi básica e sinxela acompañada por música e que integrará disciplinas como ximnasia de mantemento, hipopresivos, pilates ou aeróbic.

A iniciativa deseñouse para que persoas de tódolos grupos de idade e estados de forma retomen a práctica deportiva perdida durante o período de confinamento e tomen conciencia da importancia de realizar exercicio físico para manter unha saúde forte.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, avanza que “dado o éxito do programa, tanto no que se refire a participación como ás medidas de seguridade implementadas, sen dúbida terá continuidade e estenderase a outros barrios e parroquias do concello de Pontevedra en vindeiras edicións”

Comentarios