O programa 'A Vida é Movernos' céntrase na saúde mental

'Risoterapia' e 'Vivir sen ansiedade' son as novas propostas que levará a cabo a Concellería de Deportes a finais de agosto
undefined
photo_camera Presentación das novas actividades de 'A Vida é Movernos'. DP

Risoterapia e Vivir sen ansiedade, esas son as dúas novas propostas da Concellería de Deportes de Pontevedra no marco do programa A Vida é Movernos. Un proxecto que naceu co obxectivo de dinamizar e concienciar á cidadanía sobre a importancia de recuperar a actividade física.

Tras levar a cabo diferentes talleres de ioga ou pilates e exhibicións de danza urbana, hip hop ou break dance, o goberno local céntrase agora na saúde mental.

"Esta pandemia afectounos en moitas facetas da nosa vida e tróuxonos cambios no noso comportamento. Xustamente por iso do que non nos podemos esquecer é da afectación do estado psicolóxico e anímico das persoas", explicou o edil Tino Fernández. "Este proxecto naceu con moita ilusión, pero sempre dende a prudencia e o sentido común", concluíu o socialista.

RISOTERAPIA. O Concello porá en marcha dous talleres de Risoterapia que se levarán a cabo os días 21 e 22 de agosto na Illa das Esculturas. Estas sensións desenvolveranse en horario de 11:30 a 13:00 horas, serán gratuítas, e estarán impartidas pola monitora Mar García.

Todos os que queiran participar deberán ser maiores de idade e, debido a que o aforo estará limitado a 14 persoas por sensión, os interesados terán que inscribirse previamente a través do correo electrónico [email protected].

"Fainos moita falta levantar un pouco o ánimo. O primeiro que facemos é un desbloqueo e, unha vez superada esa fase, chegamos a ese estado anímico de risa. Inflúe moito como ven a xente, con que perspectivas. Na primeira sesión costa moito conseguir as gargalladas pero o que conseguimos é saír de alí cun sorriso", explica Mar García.

VIVIR SEN ANSIEDADE. É a segunda proposta da Concellería de Deportes. Neste caso, haberá tres sesións os días 24, 26 e 31 de agosto. A actividade levarase no Pavillón Municipal dos Deportes en horario de 10.00 a 11.30 horas. Os talleres tamén serán gratuítos e estarán dirixidos aos maiores de idade.

O aforo nesta actividade estará limitada a 12 persoas e as inscricións poderán facerse no número de teléfono 630 231 732.

A encargada de dirixir este taller será Lucía Santomé. A monitora explicou este luns que este taller trata de buscar "un equilibrio entre el mundo interno y externo", facéndoo sempre "a través del movimiento". En definitiva, nestas tres sesións, Lucía intentará conseguir "en primer lugar, la relajación, que la ansiedad se rebaje y, después, trabajar la respiración".

Comentarios