O programa 'A vida é movernos' leva este venres a ximnasia á rúa

A actividade municipal converterá a Praza de España nun ximnasio ao aire libre no que se practicar 'spinning', 'bodyjump', 'gluteboom' e 'fitball percussion'

Clase de yoga taoísta en el marco del programa 'A vida é movernos'. DEPORTES PONTEVEDRA
photo_camera Unha clase de ioga no marco do programa 'A vida é movernos'. ARQUIVO

O programa municipal A vida é movernos converterá este venres —19 de novembro— a Praza de España de Pontevedra nun ximnasio ao aire libre, con propostas para todos os gustos. Será, de 18.00 a 21 horas, coa actividade Ximnasia na rúa, unha proposta que inclúe bodyjump, gluteboom, fitball percussion e spinning.

O propósito da iniciativa impulsada pola Concellería de Deportes, en colaboración coas firmas Exalta Centro Deportivo e Nordés Sports, é combater o sedentarismo e facer chegar á poboación unha pequena mostra das actividades dirixidas que se poden atopar en calquera centro deportivo da cidade.

Aspírase así a "promover un estilo de vida saudable e ofrecer ferramentas de mellora das capacidades físicas, mentais ou emocionais, especialmente despois deste ano e medio de pandemia tan duro, no que se incrementou aínda máis o sedentarismo e as enfermidades psicolóxicas como o estrés, a depresión e o insomnio”, subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.  

O programa municipal, no marco do que xa se organizaron talleres de danza urbana, break dance, bodyfulness, ioga, risoterapia, andainas, marcha  nórdica ou percuterapia, volve así cunha nova proposta aberta a todos os públicos. Para participar hai que inscribirse previamente a través do teléfono 986 187 339.

Para participar na actividade, impulsada pola Concellería de Deportes, será necesaria unha inscrición previa a través do teléfono 986 187 339

Tino Fernández explica que, ao longo de tres horas, os asistentes a Ximnasia na rúa poderán gozar de disciplinas como o bodyjump, "unha actividade dirixida con soporte musical que se imparte sobre un minitrampolín, de alta intensidade, sen apenas impacto e cun gasto enerxético moi alto". Haberá tamén gluteboom, un novo xeito de traballar para fortalecer glúteos, abdominais e pernas dunha maneira moi dinámica, que aumenta o gasto calórico considerablemente.

Ademais, poderase coñecer o fitball percussion, que fusiona música, exercicio físico e percusión,  e spinning, coa instalación de bicicletas estáticas para acadar melloras a nivel cardiovascular ao ritmo da música mediante "traballo interválico".

A Praza de España converterase pois nun ximnasio no que, ademais de bicis, haberá trampolíns, gomas, fitballs, bases de steps, baquetas, escenario, sistema de son e iluminación, cun equipo humano formado por oito persoas.  

O tenente de alcalde e impulsor de A vida é movernos advierte de que "o sedentarismo provoca enfermidades do cadro coronario, como hipertensión, cardiopatías e accidentes cerebrovasculares, o que o converte nunha das primeiras causas de mortalidade". En contraste, a actividade física regular reduce nunha porcentaxe elevada o risco de padecer esas doenzas, ademais de diminuír as posibilidades de padecer algúns tipos de cancro e de mellorar os índices glucémicos, a resposta inmunitaria e a capacidade de aproveitamento do osíxeno.

A vida é movernos

Comentarios