A programación de festas do verán adiántase a xuño e repetirá o modelo de 2020

Haberá escenarios repartidos polos barrios con controis de aforo
Tirada de fogos sorpresa en Montero Ríos en 2020. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Tirada de fogos sorpresa en Montero Ríos en 2020. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Unhas festas como as de 2020, pero ampliadas. Así será a programación cultural e festiva do próximo verán, segundo avanzou a concelleira de Festas, Carme da Silva, que informou de que o inicio dos eventos se adiantará ao mes de xuño, cando normalmente ten lugar en xullo, para "poder facer máis actividades con menos xente de público".

O Concello ten xa practicamente ultimada a programación para os meses de verán atendendo ás hipóteses máis desfavorables no que se refire á situación epidemiolóxica. 

No que respecta aos concertos, o Concello traballa coa hipótese de manter o límite de aforo, con público sentado en cadeiras. "Iremos adaptándonos ás normas e á situación epidemiolóxica, se en agosto se pode facer un concerto de pé e con máis público, adaptarémonos", contou a concelleira. Polo tanto, haberá tamén Semana Grande, aínda que non sexa como adoitaba antes do comezo da pandemia.

Do mesmo xeito, Carme Da Silva detallou que a maior parte da programación levarase a cabo con artistas galegos

Ao longo de todo o verán, o Concello manterá a variedade de escenarios que, xunto aos centrais na Ferrería e na Praza de España, ofrecerán actividades culturais que abarcan dos concertos ao teatro ou a danza.

FOGOS DE ARTIFICIO. En 2020 o Concello optou por lanzar fogos de artificio por barrios e por sorpresa para evitar aglomeracións. A fórmula repetirase este ano, pero "con algo máis de lucerío". En canto ás atraccións, a concelleira de Festas descarta a súa instalación polo de agora. "A normativa esixe pechar un perímetro e controlar os aforos, algo que non é asumible nin para os propios feirantes, que se ven na obriga de ter as atraccións en funcionamento sen xente", explicou

Comentarios