Esta é a proposta do Concello para a variante de Alba

Consiste nun trazado "urbano" con dous carrís, un por sentido, catro rotondas e oito pasos sobreelevados
Demetrio Gómez presenta la propuesta para la variante de Alba. DP
photo_camera Demetrio Gómez presenta a proposta. DP

O Concello de Pontevedra presentou unha nova alternativa para a variante de Alba, o treito que conectará as estradas PO-531 e N-550 e cuxa última proposta da Xunta, a chamada alternativa 6, foi descartada polo rexeitamento dos veciños de Campañó.

Segundo informou o concelleiro de obras e mobilidade, Demetrio Gómez, esta nova proposta será remitida á Xunta nos vindeiros días. Trátase dun trazado "urbano" cunha vía duns 800 metros e un custe de 8,3 millóns. A calzada tería dous carrís, catro rotondas, oito pasos sobreelevados e iluminación e diferenciaríase substancialmente do que no seu día fora anunciado polo Goberno galego, que tiña dous carrís por dirección e era pechado. 

O documento tamén foi presentado nesta semana ao consello parroquial de Campañó e trasladarase á Axencia Galega de Infraestruturas nos vindeiros días.

O Concello propón a creación dunha vía con características urbanas. Unha rúa apegada ao terreo con dous carrís de circulación (un en cada sentido), con rotondas para calmar o tráfico, senda peonil e ciclista, pasos sobreelevados e iluminación.

Plano de la variante de Alba propuesta por el Concello. DP

Demetrio Gómez lembrou que a creación da variante de Alba xa figuraba na mesa M4, da que formaban parte todas as administracións con competencias viarias no concello, para permeabilizar o territorio entre as estradas de Santiago e Vilagarcía.

O concelleiro explicou que ao tempo que se permeabiliza o territorio tamén "é imprescindible que as vías melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas, de quen as usa e de quen vive na zona". Puxo como exemplo a Rolda Leste, a vía entre Lérez e Monte Porreiro, ou a nova estrada de Tafisa aos Campos.

Gómez explicou que en decembro de 2020, no encontro entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o Concello comprometeuse a elaborar un estudo para mellorar o trazado escollido pola Xunta (a alternativa 6 que forma parte dun estudo de nove alternativas) co obxectivo de eliminar o efecto barreira da proposta construtiva que presentara a Xunta e que creara rexeitamento veciñal.

O concelleiro indicou que "para eliminar o efecto barreira hai que quitar características de autoestrada e convertela nunha rúa con tráfico calmado, preferencia peonil, posibilidade de tráfico ciclista e ben alumeada".

CARACTERÍSTICAS. A proposta consiste nunha rúa duns 800 metros cun carril en cada sentido, con beirarrúas de 2,8 metros de ancho, e unha plataforma total de 4,20 metros. Os cruzamentos resólvense con catro rotondas para calmar o tráfico e manter os circuítos peonils.

Leva oito elementos de calmado de tráfico (lombos), con limitación da velocidade a 30 km/h, e seis lombos nas vías perimetrais. Tamén se propón a instalación de alumeado, que terá un custe de 250.000 euros.

O proxecto recolle a construción dun viaduto para salvar o trazado do ferrocarril, da autoestrada e a vía de servizo da autoestrada na parte máis boscosa da parroquia de Lérez.  Na parroquia de Campañó, o trazado vai pegado ao terreo.

Esta proposta municipal tería un custe de 8,7 millóns de euros, fronte aos 12,2 millóns da que propoñía a Xunta de Galicia, segundo indica o Concello.

Demetrio Gómez explicou que xa foi presentada ao consello parroquial de Campañó, que está de acordo en que cando se constrúa a rúa ten que estar adaptada ao terreo e que resolva as necesidades dos veciños e veciñas, "pero ten certos resquemores".