"Propuxémonos facer esta Semana Galega da Filosofía si ou si"

Alexandre Cendón estreáse como presidente da Aula Castelao organizando a primeira serie de relatorios en liña
O presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Mestre no IES Val do Tea de Ponteareas, Alexandre Cendón (Vigo, 1973) sucedeu a Ana Regueira como presidente da Aula Castelao de Filosofía en xullo do ano pasado. Fíxose cargo da coordinación das actividades do colectivo, que o ano que vén cumpre 40 anos, nun momento especialmente complicado, despois de que a covid obrigase a aprazar, por primeira vez na historia, a Semana Galega de Filosofía. Finalmente celebrarase entre mañá e o 9 de abril nun formato mixto.

"Custounos bastante tomar a decisión do aprazamento, pero non había outra saída. Esta situación obrigounos a engraxar ben todos os resortes da Aula para tratar de seguir funcionando. Porque a disxuntiva era facer algo ou resignarse a pasar dous anos sen Semana Galega de Filosofía co que iso significaba de desánimo e de desconvocatoria. Propuxémonos facela si ou si", explica Cendón. Tanto é así, que están preparados mesmo para un novo confinamento total, no que toda a programación pasaría a realizarse en liña. "A retransmisión é algo que xa vai quedar. Dalgunha maneira, que a Semana poida seguirse en liña a partir de agora é un xeito de reapropiarnos do espazo dixital". Todas as conferencias deste ano vanse poder seguir dende a páxina web da Aula Castelao (aulacastelao.gal). Á parte, a primeira do luns e todas as das tardes serán presenciais no Teatro Principal, que terá un acceso limitado debido á pandemia. "De calquera maneira, o teatro vai estar aberto con ese acceso limitado para todas as charlas. As que non son presenciais poderanse seguir alí mesmo a través dunha pantalla". 

Civilización dixital é o tema elixido para analizar na Semana deste ano. "Foi algo casual porque era o asunto do que xa estaba previsto falar antes da pandemia, pero nestes meses cobrou moita relevancia, si". 

O economista Albino Prada será o primeiro relator dun ciclo que inclúe filósofos, escritores e investigadores de diverso tipo. "O que propoñemos é unha reflexión e unha análise crítica da civilización dixital, do que supón internet para o conxunto da sociedade. Queremos darlle unha volta á tecnoloxía da globalización económica, que define o actual contexto, e ver como está afectando ás nosas vidas, tando a nivel individual como social, como nos está cambiando, como nos imos adaptando. Diferentes relatores achegaranse a esta realidade dende diferentes puntos de vista, tanto dunha maneira crítica como máis esperanzadora", explica Cendón, que menciona como exemplo disto último á profesora Belén Castellanos, que xa pasara pola Semana en 2015 e que agora repite para falar, entre outras cousas, da súa experiencia como youtuber á fronte do proxecto Filosofía con flow, unha canle con máis de 1.000 subscritores.

A tecnoloxía pódese converter nun inimigo do pensamento crítico. Por iso a nosa aposta pasa por facer un parón para pensar

DOMINACIÓNS. "A idea é reflexionar tanto no que pode achegar tanto en positivo como en negativo esta nova realidade dixital, porque estamos a ver como acentúa moitos dos males que temos como sociedade", di Alexandre Cendón. "Internet viña para mellorarnos a todos a vida, para mellorarnos como sociedade, pero estamos a ver que o que fixo foi incidir nas dominacións que xa existían antes". Segundo explica, o obxectivo da Semana Galega de Filosofía é reservar un espazo de tempo para a reflexión. "A filosofía non se pode facer sen calma e a internet obriga a entrar nunha realidade na que todo é estrepitoso e veloz. Así que nós propoñemos un parón para poder pensar con tranquilidade. A tecnoloxía pódese converter nun inimigo da reflexión e do pensamento crítico. Por iso queremos deternos a falar con calma". 

Cendón recoñece encarar o asunción do seu cargo con ilusión. "Estar aquí supón unha responsabilidade. Dalgunha maneira é unha maneira de corresponder a todo o levo aprendido, ao todo o que me ten dado a Aula Castelao, que é moito". 

Comentarios